Ravella lamenta a falla de previsión do Sergas para usar Fexdega como "vacunódromo"

Dende o ente local aseguran que o Servizo Galego de Saúde "nin sequera se dirixiu ao concello ou á fundación para solicitar o permiso de uso"

Recinto de Fexdega. DS
photo_camera Recinto de Fexdega. DS

O concello de Vilagarcía lamentou a actitude e falla de previsión mostrada polo Sergas tras anunciar que o recinto feiral de Fexdega volvera a converterse nun "vacunódromo" sen terse posto en contacto co concello ou coa fundación, titular das instalacións, nin valorar a súa compatibilidade cos usos feirais, deportivos ou sociais das mesmas. Dende o goberno local intentaron obter unha resposta do Servizo Galego de Saúde, sen que fose posible.

O Concello quere subliñar que "os tempos da emerxencia do covid xa pasaron e que nos días en que agora se pretende dispoñer de Fexdega, sen autorización nin sequera comunicación, hai actividade feiral (unha mostra de vehículos nos que hai que ter en conta non só os días de exhibición senón tamén a montaxe e desmontaxe), ademais da actividade ordinaria da Fundación de Deportes". Por iso, Ravella considera que, ao igual que noutros lugares onde se concentra a vacinación de distintos concellos, o que debe facer Sanidade é "usar as súas propias instalacións ou, cando non sexa posible, buscar outras solucións, pero respectando a propiedade e as necesidades dos demais, cun mínimo de cortesía e lealdade institucional". Ata agora, e en todos os casos, explican, o concello buscou sempre unha solución cando se lle requiriu, dende Fexdega á sala de exposicións do auditorio ou mesmo a vella comandancia, unha vez adquirida polo concello.