As praceiras de Vilaxoán serán resituadas na antiga panadería durante as obras

A previsión inicial era o traslado a unhas casetas, pero finalmente xurdiu unha solución máis cómoda para as propias profesionais ▶ O retraso nuns días non afectará nin á financiación nin ao remate da actuación en prazo

Infografía de la plaza de abastos de Vilaxoán. DS
photo_camera Infografía da nova praza de abastos de Vilaxoán. DS

O Goberno local de Vilagarcía anunciou que as tres profesionais que traballan habitualmente na praza de abastos de Vilaxoán serán resituadas temporalmente nun local moi próximo, o da antiga panadería. A previsión era trasladar os tres postos a outras tantas casetas no exterior, como é o habitual neste tipo de obras en mercados de abastos, pero finalmente, poucos días antes de iniciar efectivamente as obras, xurdiu a posibilidade de utilizar o baixo que viña ocupando unha coñecida panadería pechada dende hai tempo. Ravella xa se reuniu coas afectadas para explicarlles ese cambio de decisión e tamén para pedirlles desculpas polos erros de comunicación. "Todo o que se fixo foi tratando de buscar a mellor solución para elas, que, precisamente, serán as principais beneficiarias dun investimento de máis de 210.000 euros", informan dende o Concello.

O retraso no inicio das obras durante uns días, mentres non se produce o traslado efectivo, non afectará nin ao investimento nin aos prazos de execución. Neste sentido, o goberno municipal lamenta que, "unha vez máis, o Partido Popular primeiro dispare e despois nin sequera pregunte". "O PP, como calquera outro grupo da corporación, ten á súa disposición todos os servizos té ;cnicos municipais. Se tiveran preguntado, xa saberían o que estaba ocorrendo e cal era a solución e por que finalmente se decidiu por outra mellor á prevista. Tamén poderían coñecer que a obra ten unha dobre financiación, provincial e europea, e iso explica a diferenza entre o anuncio do proxecto e a súa execución. Pero como igual a resposta non lle conviña, preferiron facer o que xa fixeron co seu ‘balance’ dos 100 primeiros días, que xa estaba escrito dende o pasado 28 de maio", lamenta o executivo local.