Vida Salnés

Ramón Guinarte: “Fai o que che gusta e fai do mundo un lugar mellor para vivir”

O especialista en programación neurolingüistica, neurociencia e hipnosis clínica combina o seu traballo nunha administración pública cunha serie de actividades moi variadas, o que lle permite "non estar facendo nunca o mesmo"
photo_camera Ramón Guinarte para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Dedícome a resolver problemas todos os días. Iso seica me fai pragmático. Teño 52 anos e na vida combino o meu traballo nunha administración pública cunha serie de actividades moi variadas, o que me permite non estar facendo nunca o mesmo. Nese sentido seica son moi do Salnés: gústame facer moitas cousas. Pero, ollo, non sei se iso é sempre positivo. Eu sempre combinei a miña función na administración pública coa miña paixón, que é investigar o funcionamento da mente humana; esa gran descoñecida. E a miña paixón levoume un día a dar a miña primeira conferencia no instituto no que estudara, diante dos que foran os meus profesores. Un orgullo? Non che sei. Eu lembro aquilo como unha experiencia traumática. 

 

E xestionar a mancomunidade do Salnés implica navegar augas políticas?
Pode ser “traumático”? Pódoche dicir que non é “traumático” aínda que traballamos con nove alcaldes e iso sempre ten un lado político. Pero na comarca estamos máis orientados no ben común e non no tema partidista ou ideolóxico. Igual é unha diferencia desta comarca que sempre se enfocou na xestión e non en facer política.

Un é de onde é?
Si. Nacín en Forcarei, no interior da provincia de Pontevedra, e moi de rapaz, con 8 anos, cheguei a Vilanova de Arousa, logo casei e vivín en Cambados, en Meaño, e agora vivo en Vilagarcía. Pertenzo a este mundo.

Ramón Guinarte para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ramón Guinarte para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 

Como te defines?
Intento ser unha boa persoa.

Como se pasa do mundo educativo ao da función pública?
Teño que dicir que sempre me gustou ensinar, desde pequeno, aprender e intentar transmitir o que vas aprendendo. Primeiro fun profesor e despois empezoume a interesar o funcionamento do cerebro e por iso fixen unha segunda carreira en Ciencias da Educación e ai empecei a profundar no funcionamento da mente, para dar resposta a unha pregunta que sempre me fixen: Por que aos meus compañeiros de clase non lles custaba aprender tanto como a min? Esta pregunta fíxome percorrer diferentes áreas da psicoloxía, sobre todo o enfocado a temas de programación e de influencia da mente. E cando empecei a indagar aprendín cousas fascinantes. Por exemplo? Como funciona o olvido. Se queres aprender a estudar tes que saber como olvidas o aprendido, sobre todo porque esqueces máis nas primeiras 24 horas que nos seguintes 30 días. O británico Tony Buzan, o creador dos mapas mentales (Mind Mapping) foi quen me indicou o camiño. Este home fixérase a mesma pregunta que eu me facia, pero 30 anos antes. Despois de entrenarme, conseguín estudar menos horas no meu último ano de carreira que durante o meu primeiro de bacharelato (ou segundo da ESO de hoxendía), e o meu expediente académico pasou de estar nun promedio aceptable a estar nos tres primeiros da miña promoción. O resultado era relevante e nunca puiden deixar este tema. Así nacen os meus libros. Os dous primeiros son métodos, son sistemas novos e o SIO (Sistema de Intelixencia Ortográfica) é para superar as faltas de ortografía dos rapaces. Pódese? Pódese. Pénsase que un bo lector non vai ter problemas coa ortografía pero iso non é certo. Ao longo dos meus 30 anos de experiencia tiven unha chea de alumnos con carreiras, bos expedientes, e dificultades coa ortografía, a pesar de seren bos lectores. É certo que se es un bo lector vas ter máis facilidades, pero se a persoa ten un sistema de procesamento mental no que non predomine a memoria visual vai arrastrar problemas de ortografía. Todos procesamos a través de tres canles: o visual, o auditivo e o sensitivo, pero sempre hai un que predomina sobre o outro. Hai que ter en conta que só un 50% da poboación é visual, co cal podemos estimar que un 50% da poboación, aínda que sexan bos lectores, van ter problemas coa ortografía.

Ramón Guinarte para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ramón Guinarte para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Como ves á xente do Salnés? Hai un perfil psicolóxico dos habitantes da comarca?
O meu é un punto de vista moi subxectivo; pero en comparación doutros territorios, eu diría que esta é unha comarca tremendamente dinámica. Unha característica sería o dinamismo da súa xente. Na maior parte dos lugares, a xente céntrase nunha actividade ou profesión, pero nesta comarca moitísimas persoas combinan actividades. O que ten unha finca ten tamén unha batea, e o que é funcionario tamén ten a súa finca de albariño, por exemplo. E despois, a nivel de comarca, somos uns privilexiados. Despois de percorrer moitos países do mundo, daste conta de que vivimos nun paraíso, aínda que non sempre nos demos conta ou non o apreciemos. Medramos aquí e vémolo todos os días. Esta comarca ten excelentes recursos patrimoniais, naturais, culturais... Somos uns privilexiados.

Somos conscientes dese privilexio?
Desde a administración intentamos sensibilizar do valor dos nosos recursos e cada vez somos máis conscientes. Levamos, por exemplo, en promoción turística 20 anos. E neste tempo pasamos do que era un nivel de 100 mil turistas ao ano a falar dun millón, segundo unha medición que se fixo este ano. Multiplicamos por dez as estimacións que se tiñan. Como se acada isto? Pois en parte sensibilizando ao sector empresarial de que lle gustabamos á xente doutras partes. O que fixemos foi traer aos grandes turoperadores e ensinarlles a comarca, sentámolos cos empresarios e os propios turoperadores foron os que marcharon dicindo que isto era un paraíso, e que se o coñeceran antes terían comprado aquí no canto de comprar no Levante ou noutros lugares.

Test de vida
Unha palabra?
Pensar.
Un lugar?
O Salnés.
Unha persoa?
Sandra, a miña muller.
Unha personaxe?
Sapidus (do libro Sapidus, Manual de instrucciones de tu cerebro, Penguin-2022). Está inspirado no noso amigo común, o escultor Lucas Míguez. Reflexa a experiencia e a sabedoría. É un duende que simboliza a voz interna que abre a porta do coñecemento.
Alguén importante?
A xente que se dedica a traballar polos demais.
Un obxecto? Unha cousa?
Non valoro moito as cousas materiais, non son nada materialista.
Alguén imprescindible?
Ninguén é imprescindible.
Que é a vida?
Podo explicar como querería que fose para min. A vida debe ser o que che permita disfrutar día a día, facendo o que che gusta, e intentando deixar este mundo un pouquiño mellor do que estaría se ti non tiveses vivido nel.