PSOE e BNG unen forzas para acadar un pacto de gobernabilidade en Vilagarcía

As dúas formacións prevén que o acordo chegue pronto "dado que ámbalas dúas partes coinciden en que son máis os puntos que as unen que os que as separan", se ben este non implica a entrada dos nacionalistas no Goberno
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, durante a investidura. DS
photo_camera O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, durante a investidura. DS

Socialistas e nacionalistas suman forzas en Vilagarcía para afianzar a gobernabilidade do Concello e "continuar avanzando na procura de melloras para o conxunto da cidadanía". Será mediante un pacto con vixencia para o que resta de mandato e que as dúas formacións esperan concretar "moi pronto", xa que coinciden en que "son máis os puntos que os unen que os que os separan".

O acordo ten como orixe o entendemento entre PSOE e BNG á hora de facilitar a última investidura de Alberto Varela, e tras "comprobar que durante os seguintes seis meses ese entendemento mantívose". Aínda que o acordo xa se viña fraguando dende hai un tempo, foi esta semana cando se celebrou a primeira xuntanza para sentar as bases da negociación. Na reunión participaron Alberto Varela e Tania García polo Goberno socialista e os dous concelleiros do BNG, Xabier Rodríguez e Rosa Abuín.

Tal e como aclararon dende o Concello, o acordo non implica a entrada dos nacionalistas no Goberno, polo que continuarán exercendo a súa labor dende a oposición, pero traballando e consensuando cos socialistas as medidas nas que compartan filosofía e nos temas de especial interese para Vilagarcía, como o Plan Xeral, o Plan de Mobilidade, os orzamentos ou as políticas sociais, explicaron. Tratarase dun pacto global para "axudar a construír a Vilagarcía do futuro e evitar o bloqueo de iniciativas vitais para o desenvolvemento da cidade", matizaron.

Os dous grupos volverán a reunirse a vindeira semana para seguir concretado as liñas xenéricas do acordo e os compromisos que adquirirán ámbolos dous grupos para os tres anos e medio que quedan de mandato.