Varela coordina todos os servizos ante a posible chegada dos pellets a Vilagarcía

Nunha xuntanza celebrada este mércores establecéronse unhas pautas a seguir ao carecer dun protocolo por parte da Xunta
Un puñado de pellets mezclados con algas en la playa A Mexilloeira de O Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os pellets chegaron xa a outros puntos da ría de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, reuniu na mañá deste mércores a todos os servizos que poden verse implicados diante dunha hipotética chegada de restos de pellets ao litoral do municipio esta fin de semana, unha posibilidade que non se pode descartar tendo en conta a viraxe do vento ao sur. Ante a falta dun protocolo de actuación por parte da Xunta de Galicia, dende o concello decidiuse establecer unha serie de pautas a seguir no caso de que a contaminación chegue as praias locais. Por esa razón, dende Emerxencias farase un seguimento exhaustivo do estado do mar e dos areais con tres inspeccións diarias, unha a primeira hora da mañá e outras dúas ao cabo do día de acordo co funcionamento das mareas.

Na xuntanza estiveron presentes os técnicos de Emerxencias, Policía Local, Obras, Voluntariado, Medioambiente e Comunicación, os responsables da empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo (que inclúe a limpeza das praias), Urbaser, ademais dos concelleiros de Seguridade Cidadá e portavoz do goberno, Tania Garcia; de Obras e Servizos, Lino Mouriño; de Medioambiente, Diego García; e de Promoción Económica e Turismo, Álvaro Carou.

No caso de que fóra necesario intervir, todos os servizos e a empresa concesionaria farano de xeito coordinado. Só no caso de gravidade se recorrería ao voluntariado. Con todo, dende o Concello prégase á veciñanza que, en caso de avistar algún resto, dean conta del aos servizos de Emerxencias a través do teléfono 112, de xeito que toda a información estea centralizada. Onte mesmo, as emerxencias locais recibiron un aviso que finalmente resultou unha falsa alarma.

En calquera caso, o alcalde seguirá en contacto coa Capitanía Marítima, coas confrarías e cos servizos de Emerxencias, para facer un seguimento puntual da crise e, de ser o caso, tomar as decisións que correspondan coa maior celeridade e eficacia.