O programa de conciliación axudará a unha trintena de familias con nenos de 3 a 8 anos

Servizos Sociais abre este xoves o prazo de inscrición no Conciliatardes, que se desenvolverá entre outubro de 2023 e xuño de 2024 ▶ O servizo prestarase no Centro de Formación de Matosinhos, de luns a venres en horario de 15.30 a 20.30 horas

Alumnado de A Escardia participa en la actividad organizada por 'Stop Accidentes'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alumnado de A Escardia. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ravella informou da apertura do prazo de inscrición no Conciliatardes-Tardes coa Infancia, o programa socioeducativo e de apoio á conciliación familiar e profesional que dende hai anos organiza o departamento de Servizos Sociais. O servizo, que se prestará no Centro de Formación de Matosinhos de outubro de 2023 a xuño de 2024, está destinado a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade e dispón de 30 prazas. As familias interesadas deben inscribirse entre o 1 e o 23 de xuño presentando a instancia, xunto coa documentación requirida, a través da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal) ou do Rexistro Xeral do Concello.Tanto as bases coma o formulario de inscrición están dispoñibles na web municipal, e na sede electrónica.

A iniciativa está destinada a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2020, empadroados en Vilagarcía e cuxos proxenitores teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial no horario de desenvolvemento do servizo.

O Conciliatardes funcionará de luns a venres en horario de tarde (de 15.30 a 20.30 horas), podéndose solicitar media xornada ou xornada completa en función das necesidades de cada familia. A entrada no servizo será entre as 15.30 e as 16.00 horas, ou ben ás 18.00, en función da opción elixida. O horario de saída será ás 18.00 horas ou entre as19.30 e as 20.30 horas.

Cota en función do nivel de ingresos

A cota xeral do Conciliatardes é de 100 euros mensuais polo horario completo e 50 pola media xornada. A este prezo aplicaránselle as correspondentes bonificacións (do 50% e do 100%) en base ao nivel de ingresos de cada unidade familiar, podendo ser de balde para as rendas máis baixas. A maiores, tamén se prevén descontos do 20% por segundo e sucesivos fillos participantes no programa, para familias numerosas ou monoparentais, así como para nais vítimas de violencia de xénero.

Nas bases do servizo figuran todos os requisitos a cumprir polos usuarios, así como as bonificacións aplicables, os criterios dos baremos e a documentación que as familias deben achegar xunto coa solicitude. No caso de haber máis inscricións que prazas, se accederá ao servizo tendo en conta a orde de puntuación acadada na baremación. 

Lista provisional
O 11 de xullo darase a coñecer unha lista provisional de beneficiarios. A definitiva e a de agarda publicaranse o 1 de agosto, tras rematar o prazo para subsanación de documentación e presentación de reclamacións.