O Reviravolta continúa cun obradoiro sobre elaboración de fermentos e encurtidos

A temática da xornada deste xoves versará sobre o uso intelixente das técnicas para o aproveitamento de alimentos
Unha das sesións da campaña Reviravolta celebrada na praza de Abastos de Vilagarcía. DS
photo_camera Unha das sesións da campaña Reviravolta celebrada na praza de Abastos de Vilagarcía. DS

A campaña Reviravolta, para a promoción da economía circular, continúa este xoves na Praza de Abastos cunha xornada adicada ao uso intelixente das técnicas para o aproveitamento de alimentos. O programa organizado pola Concellería de Promoción Económica e Mercados centrará as actividades do xoves nos procesos de fermentación na alimentación e nas técnicas de encurtidos. As actividades desenvólvense no primeiro andar da Praza, están abertas a todo tipo de público e son gratuítas.

O programa comeza ás 10.00 horas da mañá coa charla impartida por un técnico da Asociación Galicia Ambiental na que se fará unha introdución aos procesos de fermentación e a súa utilización na conservación de alimentos. A continuación explicaranse as diferenzas e propiedades dos distintos tipos de fermentos que se poden dar en froitas e hortalizas, como o láctico, o acético e o etílico, e se amosarán algúns exemplos de alimentos sometidos a estes procesos, como o chucrut, o kimchi, o vinagre, as verduras lácticas ou os viños de froitas, así como súa adaptación á gastronomía galega. Tamén se exporán as diferenzas entre as conservas en escabeche e as fermentadas.

O obradoiro práctico sobre elaboracións con diferentes técnicas de fermentos e encurtidos de verduras e froitas comezará ás 10.45 horas e nel ensinaranse aspectos básicos como os ingredientes, proporcións, cantidades, utensilios a utilizar nos procesos, a temperatura e tempos de fe rmentación, as medidas hixiénico-sanitarias, a forma de almacenalos e os posibles problemas que se poden dar no proceso. Por último, realizarase unha degustación de alimentos fermentados.