O programa de conciliación dispón de prazas libres para rapaces de 3 a 8 anos

As familias interesadas en acceder ao Conciliatardes-Tardes coa Infancia deben solicitalo a través da sede electrónica ou do Rexistro Xeral do Concello

Vuelta al cole de niños y alumnos en el CEIP Anexo A Lomba de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Rapazada chegando á escola. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O departamento de Servizos Sociais informou este luns de que aínda quedan prazas libres no Conciliatardes-Tardes coa Infancia, o programa socioeducativo e de apoio á conciliación familiar e profesional que dende hai anos organiza o Concello de Vilagarcía. As familias que teñan crianzas de 3 a 8 anos de idade e desexen acceder ao servizo deben solicitalo formalmente presentando una instancia a través da sede electrónica sede.vilagarcia.gal ou do Rexistro Xeral do Concello.

A iniciativa está destinada a nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2020, empadroados en Vilagarcía e cuxos proxenitores teñan unha actividade laboral ou participen nun proceso de formación regrado ou oficial no horario de desenvolvemento do servizo.

O Conciliatardes púxose a andar o pasado luns, 2 de outubro, nas dependencias do centro de Formación de Matosinhos. O servizo funciona de luns a venres, en horario de 15.30 a 20.30 horas, podéndose solicitar media xornada ou xornada completa en función das necesidades de cada familia. A entrada realizarase entre as 15.30 e as 16.00 horas, ou ben ás 18.00, en función da opción elixida. Do mesmo xeito, o horario de saída será ás 18.00 horas ou entre as 19.30 e as 20.30. O programa remata en xuño, igual que o curso escolar.

Cota subvencionable

A cota xeral do Conciliatardes é de 100 euros mensuais polo horario completo e 50 euros pola media xornada. A este prezo aplicará nselle as correspondentes bonificacións (do 50% e do 100%) en base ao nivel de ingresos de cada unidade familiar, podendo ser de balde para as rendas máis baixas. A maiores, tamén se prevén descontos do 20% por segundo e sucesivos fillos participantes no programa, para familias numerosas ou monoparentais, así como para nais vítimas de violencia de xénero.

O formulario de inscrición e as bases nas que se especifican os requisitos a cumprir e a documentación a presentar xunto coa solicitude están dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal.