Cinco ofertas sobre a mesa para a reforma dos vestiarios e a galería de vidro da piscina

A obra licítase por 517.445 euros e cun prazo de execución de 3 meses ▶ Os traballos correspóndense co primeiro lote do proxecto de ampliación e mellora da infraestrutura deportiva de Fontecarmoa

Vestuarios Piscina municipal Fontecarmoa Vilagarcía. DS
photo_camera Futuros vestiarios da piscina municipal de Fontecarmoa. DS

Os servizos técnicos do Concello de Vilagarcía están avaliando as ofertas presentadas polas cinco empresas que concorreron ao concurso público para contratar os traballos de reforma dos vestiarios e da fachada sur da piscina municipal de Fontecarmoa. A obra, licitada por 517.445 euros (impostos incluídos) e un prazo de execución de 3 meses, correspóndese co primeiro lote dos dous nos que o Concello dividiu o ambicioso proxecto de ampliación e mellora da infraestrutura deportiva. Por iso, unha vez executada esta primeira actuación, e cun orzamento de 3,1 millóns de euros, sacarase a contratación a segunda e última parte da obra, a consistente na construción do segundo vaso da piscina e a renovación do resto da instalación.

A reforma dos vestiarios e da fachada sur da piscina comezará tan pronto como se complete o proceso de contratación. Deste xeito, tamén se poderá iniciar canto antes a segunda e máis importante parte do proxecto de ampliación da piscina para que os vilagarciáns poidan gozar o máis pronto posible dunhas instalacións modernas, o suficientemente amplas para dar cabina á demanda existente, e adaptadas aos requirimentos para poder acoller competicións.

Máis duchas e cabinas para persoas con discapacidade

Neste primeiro lote das obras procederase a reorganizar os vestiarios masculinos e femininos, optimizando o espazo e renovando por completo as instalacións. Os traballos permitirán aumentar os puntos de ducha, pasando dos 8 actuais aos 20. As cabinas dos inodoros concentraranse nunha zona específica e crearase outra con acceso máis doado dende o vaso da piscina. Aumentarase e racionalizarase o espazo das taquillas, que conectarán coa zona de lavabos, e crearase outro mesado de lavamáns con secadores de pelo a carón da saída dos vestiarios. Ademais, habilitaranse dúas cabinas para cambio de persoas con discapacidade que precisen de axuda externa. Nas dependencias de homes colocaranse claraboias motorizadas para paliar o problema de ventilación e falta de iluminación natural.

A actuación permitirá cambiar e modernizar a imaxe dos vestiarios mediante os acabados de paredes, solos e teitos utilizando materiais de primeira calidade, resistentes ás condicións de temperatura e humidade. Tamén se renovarán as instalacións de fontanaría, iluminación e saneamento.

A actuación na fachada sur da piscina, construída a modo de galería de vidro, consistirá na construción dunha cuberta con panel de chapa sobre as vigas e piares inclinados existentes. Deste xeito proporcionarase maior protección solar no interior da piscina durante os meses de verán e tamén se amparará da chuvia ao muro cortina. O obxectivo da obra é acabar cos problemas que se rexistran na actualidade na galería, que presenta moitas patoloxías e filtracións de humidades que inflúen negativamente nas condicións de estanquidade e condensación na zona interior onde se empraza o vaso principal. Así, coa reforma proxectada conseguirase elevar os niveis de eficiencia enerxética da piscina municipal.