O PP nomea unha nova xestora en Vilagarcía, presidida por Ana Granja

Inclúe un total de once integrantes, cuxo primeiro obxectivo é nomear á persoa candidata para as municipais de maio
A nova xestora do PP en Vilagarcía. DS
photo_camera A nova xestora do PP en Vilagarcía. DS

O Partido Popular vén de nomear a unha nova xestora en Vilagarcía de Arousa, presidida pola voceira municipal, Ana Granja, e con Raúl Santamaría como secretario. Xunto a eles, tamén a integran  os concelleiros Yolanda Bóveda, Roberto Domínguez e Inma Díez, a deputada autonómica Elena Suárez, Lourdes Baños, Juan Maneiro, Marta Rodríguez Arias, Tamara López e Juan Andrés Bayón. Un equipo que combina persoas con experiencia no partido e na política local con novas incorporacións.

Os membros da xestora reuníronse durante a noite deste xoves co presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, un encontro no que tamén participaron a secretaria xeral Luisa Piñeiro, o vicesecretario de Acción Electoral, Javier Tourís e a coordinadora provincial do Salnés, Paz Lago, e que serviu para fixar como obxectivo inmediato do novo órgano dar a coñecer, coa maior brevidade, o nome da persoa candidata ás municipais de maio.

López pediu unidade, compromiso e traballar de xeito intenso para afrontar as municipais co mellor proxecto e o mellor equipo. “Temos por diante meses nos que temos que multiplicar esforzos. Hai que continuar na rúa, escoitar, facer propostas e xerar confianza. Todos xuntos traballaremos para que facer do PP un partido referente neste concello e conseguir a confianza maioritaria dos veciños”, manifestou.