El poemario 'Huacal' e os relatos ilustrados de 'Florilexio' estrean o Cidade de Libro

A mostra literaria comeza oficialmente este martes ás 18 horas coa apertura das casetas na Praza da II República ▶ O escritor e músico Rayden asinará libros a partir das 19 horas e protagonizará a primeira sesión das Conversas ao Solpor charlando con Carlos Crespo
Niños y niñas disfrutando de las actividades de 'Vilagarcía, Cidade de libro'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Nenos e nenas desfrutando da edición pasada do 'Vilagarcía, Cidade de libro'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A terceira edición da feira Vilagarcía, Cidade de Libro colle altura a partir de este martes coa apertura das casetas, as actividades de animación, as presentacións editoriais e a presenza de grandes autores. Cunha xornada que leva por título Da música ao libro, a estrela do día será o músico e escritor Rayden, que asinará libros e protagonizará a primeira sesión das Conversas ao Solpor. A axenda do día complétase con espectáculos e animación, coas presentacións do poemario Huacal e do libro de relatos ilustrados Florilexio, e cunha animada batalla de galos na que intervirán os freestylers galegos Marck e Ruvix.

O Vilagarcía, Cidade de Libro arrancou este luns cun petisco no que o público infantil foi o protagonista da xornada. Un centenar de nenos e nenas participaron durante toda a mañá no Literatour, a xincana literaria na que os escolares toman contacto con obras e autores da literatura galega a través de xogos, probas e actividades didácticas de marcado contido lúdico que se desenvolven no Parque Miguel Hernández. O Literatour seguirá celebrándose cada mañá ata o venres para permitir que pasen por el os escolares de todos os centros educativos do municipio.

Tras as actividades infantís matutinas, o Cidade de Libro comezará oficialmente este martes ás 18.00 horas na Praza da II República, cando está previsto que abran as casetas das librarías e editoriais que exhibirán, presentarán e porán á venta as últimas novidades literarias. A esa mesma hora, pero no Recuncho dos Contos habilitado no Parque Miguel Hernández, terá lugar o espectáculo Ciclocontos e Cantigas, unha viaxe literaria a través da música protagonizada por Barafunda e dirixida a público de todas as idades.

Será ás 18.30 na Praza da II República cando a editorial Tazalunarbooks presente dúas das súas últimas publicacións. A primeira, Huacal, dirixida ao público adulto, é un compendio de poemas comprometidos nos que se abordan temas como a natureza, o feminismo, o animalismo, a arquitectura ou o urbanismo. A segunda, Florilexio, está orientada ao público de 14 anos en diante e recolle dez relatos con outras tantas ilustracións asinadas por artistas nados na contorna do Atlántico.

Ás 19.00 horas no Miguel Hernández representarase Les Variápides, o espectáculo de animación de rúa co que a compañía Pablo Méndez propón unha viaxe fantástica para todos os públicos. A esa mesma hora, pero na caseta de firmas da Praza da II República, fará presenza Rayden para asinar libros aos seus lectores. O músico e escritor presenta en Vilagarcía a súa primeira incursión no xénero novelístico, El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo, unha obra que é todo un canto ao diferente e unha historia de amor entre opostos que se atraen.

Os versos máis intimistas do rapeiro madrileño

O escritor, cantante e produtor musical ten publicados diversos libros dende 2015, centrándose especialmente na poesía, como Herido Diario, Cantinela, Terminamos y otros poemas sin terminar, Nunca será siempre, El mundo es un gato jugando con Australia ou Amoratado. Ademais, este poeta urbano foi campión mundial da Red Bull Batalla de Galos de 2006, ano no que previamente xa gañara a final nacional española e que lle perm itiu asistir ao campionato mundial deste noxo xénero que algúns ven como os recitais poéticos da cultura urbana.

Por iso, xusto antes de comezar a conversa con Rayden saltarán ao ring os galos Marck e Ruvix, que se lanzarán rimas improvisadas a ritmo de hip hop para ambientar o tema do día: a relación entre a literatura e a música, neste caso a través da música e a poesía urbana.

A Cidade do Libro continuará toda a semana cunha intensa e variada programación e coa presenza de grandes firmas nacionais e galegas. Polo escenario central da Praza da II República pasarán este ano Carmen Posadas e Manuel Portas, mércores; Ian Gibson e J.R. Alonso de la Torre, o xoves; Rebeca Stones, Juan Arcones e Andrea Maceiras, o venres e Carme Chaparro, Juan Tallón e María Solar, o sábado.