A mesa de contratación avalía 14 ofertas para mellorar camiños en Zamar, Cornazo, Guillán e Aralde

A través do Plan Municipal de Asfaltados e do programa de axudas da Agader acondicionaranse dous quilómetros e medio do rueiro rural
O Concello informou de que a ralización dos traballos é urxente. DS/ARQUIVO
photo_camera El Concello acondicionará seis camiños rurais. DS/ARQUIVO.

A rede de camiños rurais de Vilagarcía será obxecto nos vindeiros meses de dúas importantes actuacións que permitirán acondicionar seis camiños cunha lonxitude total de dous quilómetros e medio. Cun investimento conxunto de 301.510 euros actuarase en camiños das zonas de Zamar, Cornazo e Guillán, todas elas zonas bastante urbanizadas e, polo tanto moi transitadas pola veciñanza, e tamén no camiño da Rúa Maceiras, en Aralde, que da acceso a unha ampla zona agrícola. A mesa de Contratación está avaliando as 14 ofertas que concorren aos procesos de licitación co obxecto de adxudicar as obras nas vindeiras semanas.

A primeira actuación é a que se financia con fondos municipais a través do Plan de Asfaltado de Camiños Municipais de 2022 e á que concorren 6 empresas. Trátase dun proxecto valorado en 242.200 euros (IVE incluído) que permitirá acondicionar e mellorar o firme en algo máis de dous quilómetros da rede do rueiro rural. Os traballos afectarán á Rúa do Souto, en Cornazo, no tramo que vai dende a Rúa Moreiras á Avenida Agustín Romero, e ao Camiño Novo de Zamar. No lugar de Guillán mellorarase un tramo da Rúa Ardinso, a Rúa García Hermo e tamén un tramo da travesía desta mesma vía.

A segunda actuación, a do Camiño da Rúa Maceiras, financiarase cunha subvención de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de 53.984 euros aos que o Conce llo achega os 7.326 que restan para completar o investimento. O proxecto, para cuxa execución se presentaron 8 ofertas, prevé actuar en case o medio quilómetro de lonxitude que ten o camiño situado nunha zona rural na que se emprazan moitas explotacións agrícolas. O ensanche e mellora deste camiño permitirá facilitar o tránsito e o acceso dos vehículos agrarios que traballan as fincas, así como mellorar a seguridade viaria nesta zona e evitar asolagamentos cando chove.