Ravella e Zona Aberta asentan as bases de futuras colaboracións

A nova directiva da asociación mantivo unha reunión con Alberto Varela para buscar solucións en cando a conciliar a actividade económica cos dereitos dos residentes
Imaxe da reunión mantida entre o Goberno local e representantes da nova directiva de Zona Aberta. DS
photo_camera Imaxe da reunión mantida entre o Goberno local e representantes da nova directiva de Zona Aberta. DS

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto co concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, mantiveron este venres unha reunión cunha representación da nova directiva de Zona Aberta, a primeira que se celebra despois da incorporación á asociación comercial dos hostaleiros que formaban parte da desaparecida Ahituvi. Ambas partes fixeron un repaso da situación actual do comercio e a hostalería e sentaron as bases para unha planificación a longo prazo da colaboración entre o concello e ambos sectores.

Zona Aberta comprometeuse a presentar por escrito as súas propostas, pero na reunión xa se avanzou que uns e outros están de acordo en que é necesario conciliar a actividade económica co dereito ao descanso dos residentes. Por iso, do mesmo xeito que o Goberno local explicou que está aberto a revisar as distintas ordenanzas que afectan ao comercio e á hostalería e a apoiar cantas iniciativas promovan comerciantes e hostaleiros, igualmente confían en que a asociación continúen colaborando no respecto aos horarios e normas de funcionamento e na concienciación cidadá sobre o non consumo de bebidas na rúa, reducindo así o ruído nas rúas.