A HADO do Hospital do Salnés traladaráse a un espazo maior e máis confortable

Os profesionais da unidade de Hospitalización a Domicilio disporán dunhas dependencias máis do dobre de grandes, xa que pasarán dos actuais 55 metros cadrados a unha superficie duns 160
Antiga zona de Esterilización do Hospital do Salnes. DS
photo_camera Antiga zona de Esterilización do Hospital do Salnes. DS

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés trasladará a unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital do Salnés a un novo espazo maior e máis confortable, que estará situado nas antigas dependencias da área de Esterilización, no andar -1 do centro de Ande-Rubiáns.

Os profesionais deste servizo disporán duns locais de traballo máis do dobre de grandes, xa que pasarán dos actuais 55 metros cadrados ubicados ao carón da base do 061, a unhas instalacións que contan cunha superficie duns 160 metros cadrados. 

Os traballos de transformación arrancaron este martes co desmonte do equipamento da antiga zona de Esterilización e seguiron este mércores coas demolicións das instalacións asociadas e dos tabiques. 

Catro postos de traballo e varias salas comúns

Unha vez que rematen as obras, HADO contará cunha unha sala de traballo con capacidade para catro postos e outro de MIR, unha sala de estar, unha sala de reunións, unha consulta, unha zona de almacén e unha área limpa de preparación de medicacións.

Ao mesmo tempo, nesta actuación a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés habilitará locais para o equipo de HADO Psiquiatría do distrito sanitario, que disporá dunha sala de traballo con espazo para dous postos, así como de Traballo Social. A superficie destinada será duns 30 metros cadrados, fronte aos 20 dos locais actuais.

Tamén, no conxunto destes traballos que afectarán a unha superficie total duns 230 metros cadrados, se remodelará o vestiario do persoal de limpeza existente na zona.

E nunha segunda fase, o actual espazo ocupado pola unidade de HADO permitirá, á súa vez, ampliar as dependencias da base da unidade de soporte vital avanzado que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten ubicada no Hospital do Salnés para dar servizo a esta comarca.