O Hospital do Salnés empeza a prestar o servizo de fototerapia

A nova cabina fototerapéutica facilitará tratamentos a arredor de 2.000 pacientes da comarca cada ano. Este tratamento está indicado para a asistencia a patoloxías coma dermatoses, a psoriase, a dermatite atópica ou o vitíligo, así coma para tratar certos linfomas cutáneos  

 

 

O servizo de Dermatoloxía empezar a aplicar tratamentos de Fototerapia no Hospital do Salnés. DS
photo_camera O servizo de Dermatoloxía empezar a aplicar tratamentos de Fototerapia no Hospital do Salnés. DS

O servizo de Dermatoloxía do Hospital do Salnés comeza a prestar tratamentos de fototerapia aos pacientes do distrito sanitario arousán a través dunha nova cabina de aplicación de radiacións ultravioletas con fins terapéuticos.

Segundo indican desde o Sergas, esta nova aparataxe dermatolóxica, instalada na área de consultas do centro sanitario de Ande-Rubiáns pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, está indicada para a asistencia a patoloxías coma dermatoses, a psoriase, a dermatite atópica ou o vitíligo, así coma para tratar certos linfomas cutáneos e outras afeccións dermatolóxicas a realizar en pacientes con gran extensión das doenzas e que non responden a outros tratamentos previos.

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, acompañado pola directora do Distrito Sanitario de O Salnés, Maria Encarnación Lucas, o subdirector de enfermería, Carlos Pol, e a coordinadora de Dermatoloxía, María Eugenia Mayo, supervisaron no centro sanitario arousán este moderno equipamento con manexo telemático.

Os primeiros pacientes da comarca están a beneficiarse xa destas terapias na cabina de fototerapia e iránse incorporando máis usuarios nos vindeiros meses.

O servizo de Dermatoloxía empezar a aplicar tratamentos de Fototerapia no Hospital do Salnés. DS
O servizo de Dermatoloxía empezar a aplicar tratamentos de Fototerapia no Hospital do Salnés. DS

Seguridade e eficacia da fototerapia

Cómpre sinalar que a fototerapia utilízase en pacientes adultos desde fai máis de tres décadas e está demostrada a súa seguridade e eficacia. A indicación do tratamento a realiza o especialista de Dermatoloxía, formando parte da súa carteira de servizos terapéuticos. 

Segundo sinala a a coordinadora de Dermatoloxía do Hospital do Salnés, a doutora María Eugenia Mayo Pampín, “xeralmente a fototerapia indícase cando unha afección cutánea non respondeu a outros tratamentos tópicos ou sistémicos que se administraron previamente.

Así mesmo, pode aplicarse en combinación con algúns deles. A aplicación do tratamento na nova cabina do Hospital do Salnés o efectuarán profesionais de Enfermaría especialmente formados polo noso servizo de Dermatoloxía na xestión destas técnicas”.
 

Aplicación individualizada

Os profesionais de Enfermaría aplican a dose programada para cada sesión de fototerapia mediante unha aplicación dixitalizada e individualizada.

Aínda que a duración das sesións pode variar -desde segundos a poucos minutos- dependendo das patoloxías e as doses programadas, os pacientes do distrito sanitario de O Salnés disporán dun sistema de aviso co que poder notificar calquera necesidade aos técnicos durante as probas.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés estima que a nova cabina de fototerapia instalada no Hospital do Salnés facilitará tratamentos a arredor de 2.000 pacientes da comarca ao ano.