O regreso da Festa da Ameixa de Carril será a gran novidade do San Roque 2023

As festas, que se celebrarán entre o 11 e o 20 de agosto, contarán con actividades para todos os públicos, onde destacan os concertos de Rayden e de Don Patricio
Procesión de San Roque el pasado verano. Rafa Fariña
photo_camera Procesión de San Roque el pasado verano. RAFA FARIÑA

O Concello de Vilagarcía xa ten listo o programa das Festas de San Roque 2023, que comezarán o venres día 11 de agosto coa lectura do pregón desde a Casa Consistorial e concluirán o domingo 20 coa volta da Festa da Ameixa de Carril.

Nesta ocasión, o día de San Roque, festivo local, cae en mércores, de xeito que a Festa da Auga celebrarase a metade da semana. Como vén sendo habitual, as festas complementaranse con pasarrúas, o tradicional concerto da banda de música e outros espectáculos de animación que se darán a coñecer nos vindeiros días.

O programa seguirá a liña dos últimos anos, xa que o Concello manterá a gratuidade de toda a programación e terá unha clara aposta polo público familiar e a cultura local e galega.

O ciclo de concertos arrancará o venres 11 co cantante de música urbana Don Patricio e concluirá o xoves 17 con veterano grupo de música tradicional Treixadura. En medio, o sábado 12 será o momento do espectáculo Hija de la Luna, un tributo a Mecano; e o domingo, o grupo local Coda porá en escena o musical Tarzán. O luns 14 será a quenda de Rayden e a súa banda, dentro da súa xira de despedida dos escenarios Quiero que nos volvamos a ver por última vez.

Os concertos continuarán o martes 15, con varios grupos locais e un espectacular desfile nocturno dos Festicultores, e o día 16 actuará a banda de cámara Arousa no auditorio. A oferta de concertos complétana tres verbenas, protagonizadas polo Grupo Claxon, Los Coleguitas e Metrópolis.

Os outros clásicos de San Roque xa teñen tamén o seu calendario pechado. O Festaclown desenvolverase entre os días 11 e 15, aínda que haberá un anticipo o xoves 10. Pola súa banda, o combate naval será na noite do sábado 19, e o desfile de carrozas o domingo 20, o mesmo no que se recupera a Festa da Ameixa na contorna da alameda, a lonxa e o peirao de Carril.