Festaclown leva a Vilagarcía unha vintena de espectáculos de maxia por toda a cidade

Esta cita inclúe nomes galegos como Fran Boza, Desastronauts ou Troula ▶Ofrecerá un amplo programa de clown, acrobacias, música, narración e humor entre o 17 e 21 de agosto
Presentación Festaclown 2022. CEDIDAS
photo_camera Presentación Festaclown 2022. CEDIDAS

Festaclown regresa a Vilagarcía de Arousa do 17 ao 21 de agosto cunha vintena de actuacións de compañías e artistas de referencia no mundo do circo, tanto dentro como fóra de Galicia. Durante cinco días sucederanse en diferentes espazos da localidade espectáculos de acrobacias, música, narración e clown, que conforman no seu conxunto un amplo programa escénico para o que a organización conta un ano máis co apoio económico da Xunta. O sábado 13 haberá unha previa do evento ás nove da noite coa banda de múscia de Vilagarcía e a compañía Píscore, na praza da Segunda República.

O programa distribúese en horario de mañá, tarde e noite, co inicio marcado todos os días para as once da mañá, seguido de outro espectáculo ás doce e media, e xa pola tarde, os pratos fortes serán ás sete e ás nove da noite. Para o domingo está preparada unha programación especial: "pola mañá, haberá un espectáculo que estreamos que se chama Museo Encantado, que son pequenas instalacións polas que se pode ir en familia ou en grupiños de amigos facendo pequenas actividades sempre relacionadas coa maxia e co humor, e pechamos cunha gala solidaria de Pallasos en Rebeldía", explica Nacho Funguiriño, coordinador do Festaclown. Os lugares elexidos par levar a cabo estas actividades serán as prazas de Galicia, Ravella e Segunda República, e o parque Miguel Hernández.

O festival de maxia contará con varias das mellores compañías da comunidade: Desastronauts, Fran Boza, Troula ou Dani García. E tamén se achegarán a Vilagarcía outras de renome nacional e internacional como Cía Vaya, Entre Nous, Rojo Telón, Kanbahiota, Trotamundos, La Troupe Malabó ou Javier Ariza. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, afirma que son "unhas compañías de moitísima calidade, cuns espectáculos moi vistosos e incribles". Serán, aproximadamente, vintecinco actuacións e setenta ou setenta e cinco artistas os que conquisten as rúas de Vilagarcía eses días.

Durante a pandemia, foi un dos poucos eventos populares que non se viu na obriga de deter a súa actividade, grazas ao formato de espectáculos ao aire libre e respetando todas as medidas de seguridade. "Agora xa volve con toda a forza nunha edición sen ningún tipo de restricións, cunha programación que adoita ser moi completa". di o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Xunta, Jacobo Sutil.