Unha feira gourmet adicada ao 'Turismo de sabores' dase cita na Peixería

O encontro, que terá lugar esta fin de semana con entrada libre e gratuíta, contará con demostracións de cociña, degustacións e outras actividades gastronómicas

Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praza da peixería. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Trala celebración a pasada fin de semana da exposición internacional da Camelia, a praza da Peixería de Vilagarcía volverá a ser punto de encontro para a celebrar a volta da feira gourmet Turismo de Sabores que, organizada por unha empresa do mesmo nome, ten por obxecto potenciar e visibilizar aos pequenos produtores da cidade, pero tamén facer un percorrido polos distintos sabores que ofrece Galicia e outras comunidades. Así, poderán degustarse e mercarse dende meles e viños da comunidade a conservas de Cantabria ou pimentón de Extremadura ou queixos de Castela.

O horario de funcionamento, tanto o sábado 9 como o domingo 10, será de 11.30 a 20.00 horas, e as casetas dispoñibles serán vintecinco, con entrada libre e gratuíta. O obxectivo desta iniciativa, tal e como explicou a empresa organizadora, é promover a diversidade produtora, culinaria e cultural, fomentar a educación alimentaria, ofrecendo información sobre a calidade e sostenibilidade dos alimentos; apoiar aos provedores e produtores locais; e proporcionar unha experiencia divertida e interactiva para todas as idades a través de demostracións de cociña, degustacións e outras actividades relacionadas coa gastronomía.