Esquerda Unida solicita que non se nomee Ameixa de Ouro a Cobre San Rafael

▶ O grupo político solicita ao Concello de Vilagarcía que non sexa cómplice do branqueo da empresa e non acuda aos actos da Festa da Ameixa de Carril

▶  Alberto Varela non asistirá ao acto do domingo e o Concello aclara que non ten relación coa adxudicación da Orde da Ameixa

Porto de Carril, onde se vai celebrar a Festa da Ameixa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Porto de Carril, onde se vai celebrar a Festa da Ameixa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Esquerda Unida de Vilagarcía enviou unha carta ao alcalde do concello, Alberto Varela na que declaraban que "durante o mes de Xullo celebrouse en Vilagarcía unha actividade deportiva presentada e coorganizada polo concello, como foi a XXVIII Bandeira concello de Vilagarcía, nesta actividade participou como patrocinador Cobre San Rafael. Este domingo celébrase a festa da Ameixa de Carril, onde se pretende recoñecer coa Ameixa de ouro a Cobre San Rafael"

Cobre San Rafael é a empresa promotora da mina de Cobre de Touro, que foi denegada pero recorrida xudicialmente, "co único obxectivo de continuar co proxeto de minería lesivo para o río Ulla e para a Ría de Arousa", recalcaba o grupo político. 

A mina de Cobre de Touro "pon en risco a viabilidade medioambiental da Ría de Arousa e, por ende, a economía de toda a comarca". Así, Esquerda Unida continua dicindo que o concello "non pode ser cómplice da campaña de branqueo que está a levar adiante a compañía Cobre San Rafael mediante a chuvia miúda de bondadosos donativos". 

Así, o grupo político de esquerdas pide ao Alcalde que non participe e que non se utilice o nome do Concello de Vilagarcía "para branquear o proxecto da mina de cobre, xa que en 2017 foi o primeiro concello en posicionarse mediante unha moción contra este proxecto". Ademais, aclaran que o seu grupo non vai acudir aos actos da Festa da Ameixa "se non se retira o nomeamento a firma Cobre San Rafael, de igual forma que solicitamos ao resto da corporación e ao alcada Alberto Varela, que antes de participar, subvencionar ou apoiar calquera evento se asegure que no mesmo non participe a firma promotora da mina de Touro". 

O Concello de Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía respostou a esta petición dicindo que o Goberno local quere deixar "totalmente claro que non ten relación algunha coa devandita empresa, nin recibe patrocionios dela para os actos organizados directamente por Ravella". Ademais, aclaran que outra cosa "é as colaboracións que poidan recibir as entidades privadas ou clubs deportivos a título particular para o desenvolvemento das súas actividades, asuntos nos que a administración local non pode nin debe interferir e tampouco pode decidir que patrocinios poden aceptar ou cales rexeitar". 

O Goberno local de vilagarcía acláralle ao voceiro de EU que a Festa da Ameixa de Carril está organizada polo Agrupación de Parquistas e a Cofraría de Pescadores, que "son os que deciden sobre todos os aspectos da mesma, incluídos a quen lle outorgan os seus recoñecementos". O Concello de Vilagarcía colabora por tratarse dun evento na programación das festas de San Roque, por estar declarado de Interese Turístico Galego e "porque exalta e promove o produto". Así, destacan que o Concello non comparte a concesión "dunha mención da Orde da Ameixa á empresa que xestiona a mina de Touro" e, por isto mismo, Alberto Varela non asistirá ao acto do domingo en Carril.