Agustín Reguera pon o punto de inicio a unha nova edición da Regata de San Roque en Vilagarcía

Reguera agradeceu a gran labor do Real Club de Regatas de Galicia e lembrou que a Xunta sempre está disposta a colaborar na promoción do deporte
vela
photo_camera vela

Un ano máis volve a ter lugar a Regata de San Roque de Clase Snipe volve a comezar. A deste ano é a LV edición e ten lugar os días 19 e 20 de agosto. Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu este xoves 17 á presentación da edición. O acto, que tivo lugar na Sede do Real Club de Regatas de Galicia, en Vilagarcía, serviu como arranque para as probas. 

Reguera, que estivo acompañado polos responsables da regata, salientou “o gran labor levado a cabo” polo Real Club de Regatas de Galicia que “leva tantos anos poñendo á nosa comunidade autónoma no mapa internacional deste deporte”. Ademais, lembrou que “nun territorio onde o mar ten tanta importancia, este tipo de probas deportivas son unha ferramenta fantástica para dar a coñecer a nosa costa”.

O presidente do Real Club de Regatas de Galicia, Wenceslao González-Garra aproveitou a súa intervención para poñer en valor a figura do empresario Ramiro Carregal Rey, “sen o cal esta proba non sería posible”. González-Garra destacou que esta é a XI edición que conta co patrocinio desta importante personalidade vilagarciá. Ademais, agradeceu a presenza e apoio das distintas institucións representadas no acto, dende o propio delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ata o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o capitán marítimo de Arousa, Juan Andrés Pérez; ou o concelleiro de deportes, Carlos Coira. 

Durante os próximos días, sobre 18 embarcacións e 40 deportistas participarán nesta histórica proba que xa ten máis de medio século de antigüidade e que representa o acontecemento máis importante do ano para este histórico club.