O Concello saca de novo a licitación o skatepark tras un incremento do presuposto

Agora, o orzamento pasa dos 309.000 aos 374.000 euros ▶ O prazo de execución mantense en cinco meses dende a adxudicación

Parque do Cavadelo. CONCELLO DE VILAGARCÍA
photo_camera Parque do Cavadelo. CONCELLO DE VILAGARCÍA

Como xa sucedera noutras ocasións e non no Concello de Vilagarcía senón noutras moitas administracións, o ente local acaba de declarar un concurso dunha obra para, acto seguido, modificar o presuposto e volver a sacala a licitación. Deste xeito, o proxecto do SkatePark do Cavadelo inicia de novo o procedemento administrativo unha vez que a Xunta de Goberno Local aprobou onte un modificado polo que se incrementa en 65.000 euros o diñeiro dispoñible: dos 309.000 de hai uns meses aos 374.000 de agora. Tralas consultas con diversos técnicos e empresas, considérase que eses 65.000 euros serán suficientes para facer fronte ao incremento das materias primas nos últimos tempos, que foi a razón pola o anterior concurso quedou deserto, malia o interese inicial de dúas empresas.

O proxecto mantense en toda a súa integridade e, polo tanto, tamén o prazo de execución: cinco meses dende a adxudicación. O espazo sobre o que se vai actuar, o parque do Cavadelo, contará con equipamentos para a práctica de skate, parkour, break dance e BMX, ao tempo que manterán as canchas de basket xa existentes e as zonas verdes gañarán protagonismo.

A reforma deste parque urbano Cavadelo foi ideada polos arquitectos Javier Segura e Andrea Gesteiro, ambos con experiencia no deseño deste tipo de infraestruturas dedicadas aos deportes urbanos, aínda que contaron tamén coa opinión dos propios usuarios da zona de recreo. Así, cada disciplina contará cunha área propia para a súa práctica, dotada de equipamentos e infraestruturas específicas, que terán en común que se abrirán cara o centro do parque para favorecer a comunicación e interacción social entre practicantes das distintas modalidades e tamén entre o público e os transeúntes.

A creación do novo skatepark de Vilagarcía realizarase con fondos propios do Concello e unha axuda da Deputación Provincial no marco do Plan Concellos.