Ravella ultima a reforma integral do pavillón principal de Fontecarmoa

A obra ten un prazo de execución de 7 meses polo que, contando cos tempos da adxudicación, o novo pavillón podería estrearse no último trimestre de 2023

Pabellón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pabillón Municipal de Fontecarmoa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 A esperada e necesaria reforma integral do pavillón de deportes de Fontecarmoa xa está moi cerca de deixar de ser un proxecto para converterse en realidade. O Concello de Vilagarcía vén de dar o pistoletazo de saída a esta importante obra sacando a licitación a execución dos traballos nos que se investirán 1.703.874 euros. As empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas. Tendo en conta que o prazo de execución é de 7 meses, contando co proceso de contratación e esperando que non xurdan imprevistos que poidan demorar os traballos, a previsión inicial é que a renovada infraestrutura deportivo poida estrearse no transcurso do último trimestre de 2023.

A reforma integral do pavillón é unha obra de gran envergadura que inclúe a reparación da estrutura, a substitución da cuberta, a mellora de envolventes e o acondicionamento interior do pavillón, así como a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica, a renovación da instalación eléctrica e a de climatización. O elevado investimento que require finánciase na súa maior parte con fondos propios, xa que o Concello aporta 1.353.874 euros e a secretaría xeral para o deporte 350.000.

A realización desta importante actuación foi un compromiso adquirido polo goberno de Alberto Varela co obxectivo de dar resposta a unha antiga demanda dos vilagarciáns e atender unha imperiosa necesidade para Vilagarcía: contar cunhas infraestruturas deportivas modernas, adaptadas aos requirimentos que esixen a práctica deportiva na actualidade e ás características técnicas en canto a eficiencia enerxética, e tamén acordes a unha cidade de 48.000 habitantes que acolle nesta infraestrutura deportiva competicións de carácter autonómico e nacional e incluso eventos internacionais.

O proxecto resolverá todas as carencias e deficiencias que presentan actualmente as instalacións construídas hai máis de 40 anos, especialmente en materia de humidade e condensación, que dificultan a práctica deportiva. Así, aparte da estrutura e instalacións, tamén se renovará a zona de vestiarios, aseos e o perímetro da cancha; e as novas instalacións fotovoltaica, eléctrica e de climatización permitirán que o renovado pavillón cumpra os compromisos da Axenda 20-21 e suba catro niveis na escala de eficiencia enerxética, pasando a situarse na categoría "A".