O Concello aproba a concesión de axudas a 283 escolares de infantil

A partida ampliouse ata os 19.810 euros para chegar a todos os solicitantes que cubrían os requisitos
CEIP A Escardia colegio en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 
photo_camera CEIP A Escardia en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía resolveu as axudas municipais á escolarización que se convocan anualmente para contribuír a sufragar os gastos de inicio do curso escolar no nivel da Educación Infantil. A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión dun total de 283 bolsas de 70 euros. A partida inicial prevista para financiar a liña de bolsas ascendía a 19.180 euros procedentes dos orzamentos da concellerías de Educación e de Benestar. Finalmente a contía ampliouse ata os 19.810 euros para poder cubrir a 9 solicitudes que, cumprindo os requisitos, ían quedar fóra da convocatoria por esgotarse os fondos. Deste xeito, reciben a axuda todos os alumnos e alumnas que se axustan ao establecido nas bases.

En total, á convocatoria deste ano presentáronse 352 solicitudes das que, as 283 mencionadas cumprían todos os requisitos. Das denegadas, 56 foron por superar os límites de renda e as 13 restantes por razóns como non estar os solicitantes empadroados en Vilagarcía, estar matriculados en centros situados fora do termo municipal ou cursar estudos de Primaria, cando a convocatoria é exclusiva para os do ciclo de Infantil.

Aínda que a escolarización non é obrigatoria na etapa Infantil, o goberno socialista leva anos apostando por esta liña de axudas ao considerar que é algo imprescindible para un mellor desenvolvemento do neno tanto a nivel educativo como social e persoal, ademais de ser unha medida necesaria en moitos casos para a conciliación laboral. De aí que fomente a escolarización nesta etapa ofrecendo estas axudas que se conceden tendo en conta o nivel de ingresos da unidade familiar.

O Concello de Vilagarcía tamén conta cunha liña de bolsas para estudos universitarios e superiores, da cal este ano se beneficiaron 170 alumnos e alumnas que recibiron bolsas de 425 e 225 euros, segundo a titulación a cursar. Tanto no caso das axudas á escolarización como no das de estudios superiores, o goberno local incrementou este ano a contíaa, pasando dos 60 aos 70 euros nas destinadas ao nivel de Infantil, e dos 400 e 200 aos 425 e 225 euros na outra liña.