O Combate Naval de Vilagarcía, suspendido definitivamente

O Concello informou na mañá deste xoves a medida ante a previsión de chuvia para a xornada do sábado argumentando que "non ten sentido volver a fixar unha data para o espectáculo pirotécnico incluído nas festas de San Roque"
Combate Naval Vilagarcia de Arousa (4G5A2820.JPG)
photo_camera Combate Naval do ano pasado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vilagarcía miraba ao ceo co fin de saber se o Concello mantería a celebración do Combate Naval previsto para o vindeiro sábado, 2 de setembro, e os veciños xa coñecen a resposta. O ente local informou na mañá deste xovas da suspensión definitiva do espectáculo pirotécnico debido ás condicións meteorolóxicas adversas previstas para a xornada do sábado. Ravella considera que xa entrado setembro non tería sentido volver a adiar o espectáculo pirotécnico afastándoo máis aínda do seu marco natural das festas de San Roque.

Tal e como explicou o Concello hai quince días, a maiores dos medios materiais e persoais que hai que mobilizar para o dispositivo de seguridade, os preparativos do Combate Naval necesitan de 48 horas de traballo, é dicir, serían precisas as xornadas do venres e do sábado para realizar a montaxe das estruturas e a colocación dos 800 quilos de pólvora que se queiman no espectáculo. Malia esperar ata o último momento por si as condicións cambiaban a mellor, a última previsión meteorolóxica anuncia chuvias e tamén ventos dunha intensidade que, por motivos de seguridade, impediría igualmente tirar os fogos.

O goberno local informou da importancia do Combate Naval, un espectáculo que atrae moita xente a Vilagarcía e que xera unha importante actividade na hostalaría local. Por esta razón, o presuposto que estaba reservado para a súa execución (uns 45.000 euros), reinvestirase noutro evento ou actividades lúdico-culturais que contribúan a dinamizar a economía local.

Malía as circunstancias, o ente local sinalou que o fin das festas e do verán manterase en pé coa verbena que o grupo Claxxon ofrecerá este venres, a partir das 23.00 horas na avenida da Mariña. E lembra que a oferta lúdica do sábado inclúe a potente proposta dos concertos do Ameixa Rock. O festival que se celebra na explanada da lonxa de Carril comezará ás 22.30 horas e contará coas actuacións de Recambios Tucho, The Furious Monkey House e Kris DJ.