O Concello mellorará a principal vía de acceso a Trabanca Sardiñeira por 160.000 euros

O proxecto permitirá acondicionar os itinerarios peonís e cambiar a imaxe da rúa que parte de Rosalía de Castro e pasa baixo a vía do tren
Infografía da mellora na accesibilidade a Trabanca Sardiñeira. DS
photo_camera Infografía da mellora na accesibilidade a Trabanca Sardiñeira. DS

O Concello de Vilagarcía acaba de sacar a licitación a humanización da principal vía de acceso ao lugar de Trabanca Sardiñeira a través da avenida Rosalía de Castro por importe de 160.000 euros (impostos incluídos). A actuación céntrase no tramo de rúa que discorre baixo o tendido da liña ferroviaria para conectar con Nosa Señora dos Anxos, e consistirá no acondicionamento dos itinerarios peonís, que gañarán en accesibilidade, e no axardinamento do noiro que flanquea a calzada. As empresas teñen de prazo ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas.

O encargado de elaborar o proxecto foi o arquitecto Iago Fernández Puentes. A obra finánciase cunha subvención do Plan Concellos 2023 e o prazo de execución dos traballos é de 5 meses. Os traballos a acometer no acceso a Trabanca Sardiñeira están condicionados polas características deste tramo da calzada, que en poucos metros ten que salvar os 8 metros de diferenza de cota que existe entre a rúa Nosa Señora dos Anxos e Rosalía de Castro. Esta circunstancia dificulta a accesibilidade, especialmente a peonil, e afea a vía debido á barreira visual que supón o enorme ribado.

Zonas permeables para reter as augas pluviais

A solución adoptada consiste en actuar no noiro, que se utilizará como base para habilitar novos accesos á urbanización en forma de escaleiras e ramplas, e tamén para crear zonas soleadas de descanso. Para isto realizaranse unha serie de bancadas construídas mediante muretes e malla galvanizada de aceiro. Estas estruturas darán sustento ás zonas de paso e estancia que, a súa vez, irán pavimentadas con formigón. As terrazas reencheranse de pedra granítica e as zonas verdes remataranse en terra vexetal sementada, de xeito que manteñan a permeabilidade e eviten a baixada das augas pluviais cara a beirarrúa e a calzada.

Tamén se habilitarán zonas de escaleiras cuxos chanzos se construirán en formigón armado coloreado en ton óxido e irán convenientemente achaflanados e coas arestas pulidas. Dotaranse de pasamáns de aceiro cortén nos que se incorporará un sistema de iluminación. Por último, a intervención no noiro concluirá cunha actuación de acondicionamento das zonas verdes.

¡o.