O CIFP Fontecarmoa participa no programa Erasmus +

Un total de 14 docentes e 4 alumnos viaxarán de aquí a finais de curso a diferentes países da Unión Europea
Liberties College, de Dublín
photo_camera Liberties College, de Dublín. DS

Alumnos e docentes do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía participan no programa Erasmus + da Unión Europea realizando estadías formativas en dez países distintos.

En total, 14 profesores viaxarán a centros de formación en Dublín (Irlanda), Varala (Finlandia), Kaunas (Lituania), Valga e Parnu (Estonia), Riga (Letonia), Birkirbara (Malta), Spoleto (Italia) e La Paz (Bolivia). Pola súa banda, catro estudantes que acaban de titularse ou ben que se encontran en período de Formación nos Centros de Traballo, tamén participarán no programa e visitarán Malta, París (Francia), Óbidos e Porto (Portugal).

Case todos os departamentos do CIFP Fontecarmoa están involucrados no programa. De feito, son dúas as docentes que xa se atopan na primeira estadía, Paula Boo e Elena Rodríguez, que participan nunha formación en Dublín dende o 15 e ata o 21 de abril da man de City of Dublin Education and Training Board. 

A experiencia educativa que tanto alumnos coma profesores obterán a través deste intercambio será única, xa que lles brindará a oportunidade de coñecer diversas metodoloxías, técnicas e ferramentas na formación profesional doutros países. Ademais, poderán compartir experiencias propias e ampliar a súa visión educativa.