O Centro Princesa Letizia recibirá máis de 1 millón e medio de euros en axudas

A partida de subvencións estará destinada á mellora, ampliación e modernización das súas instalacións
O Centro de Atencion Integral Princesa Letizia da Asociación Amencer en Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Centro de Atencion Integral Princesa Letizia da Asociación Amencer en Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución de axudas destinadas a entidades sociais para a construción ou rehabilitación de centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade. Esta novidosa convocatoria está dotada de 13 millóns de euros e permitirá renovar a carteira de servizos promovido por estas entidades. 

Son dez as entidades e os proxectos beneficiados que recibirán un máximo de 2 millóns de euros para ampliar e mellorar os seus servizos. O período de realización das actuacións será do 1 de xaneiro do ano 2022 ao 30 de novembro do ano 2025. Entre as actuacións subvencionables está a adquisición de terreos para novas edificacións, o acondicionamento de inmobles ou a adquisición de novo equipamento.

O Centro de Atención Integral Princesa Letizia de Vilagarcía recibirá unha axuda de 1.649.122,93 euros que serán destinados á mellora, ampliación e modernización do centro.

O Goberno galego aprobou este mesmo ano un plan de investimentos para axudar tamén aos Concellos a renovar e crear novos centros de atención de titularidade municipal. Este plan está dotado de 18,5 millóns de euros e permite fortalecer a rede de centros dedicados á rede de atención a maiores con novas residencias, centros de día, vivendas comunitarias  ou centros sociais. No caso desta nova orde, as axudas irán destinadas a centros de carácter social vencellados tamén a atención á discapacidade.