Carmen Posadas e Manuel Portas protagonizan as Conversas ao Solpor deste mércores

A gañadora do Premio Planeta presenta a súa última obra "Licencia para espiar", unha novela sobre mulleres que ao longo da historia se dedicaron á espionaxe ▶ "Unha cervexa Chang" é a última obra publicada polo profesor con raíces en Vilagarcía
 

A xornada de mércores no Vilagarcía, Cidade de Libro terá como prato forte Camiños literarios, que contará coa presenza dunha recoñecida autora a nivel nacional, Carmen Posadas, e dun profesor e escritor galego moi coñecido e querido en Vilagarcía, Manuel Portas. Eles serán os protagonistas das Conversas ao Solpor, que a xornalista Susana Pedreira se encargará de moderar, e que porán o colofón a un día no que tamén haberá actividades infantís, un trivial literario, un obradoiro e a presentación do libro Entre leiras e labores.

Os escolares serán os que estreen a programación da xornada coas actividades matutinas do Literatour. As casetas da Cidade do Libro abrirán a partir das 18.00 horas na Praza da II República para a venta e exposición das novidades editoriais. O obradoiro O fiadeiro de Lupamar desenvolverase a partir das 17.00 horas na sala de exposición do Auditorio e ás 18.00 O Recuncho dos Contos do Parque Miguel Hernández servirá de escenario a un divertido e didáctico trivial literario para nenos e nenas a partir de 6 anos.

Os autores invitados este día, Carmen Posadas e Manuel Portas, farán presenza na Cidade de Libro ás 19.00 horas para a firma de obras, tarefa que a partir das 19.30 horas se desenvolverá de forma simultánea á presentación do libro Entre leiras e labores que terá lugar no espazo do Miguel Hernández. Esta antoloxía verbo-visual componse das creacións de catorce autoras que combinan a escrita coas artes plásticas ou visuais. O acto, organizado pola Área de Igualdade do Concello, contará coa intervención de Afra Torrado, Emma Pedreira, Inma Doval e Ana Pillado, catro das firmas do libro.

Cnas que, tras a charla inicial entre os escritores invitados, o público poderá interactuar con eles de forma distendida e no agradable marco que se crea a última hora da tarde na Cidade do Libro.

Carmen Posadas

Natural de Uruguay, é autora de doce novelas, máis de quince libros infantís, dúas biografías e varios ensaios, relatos e guións de cine e televisión. En 1998 gañou o Premio Planeta con Pequeñas infamias. Tamén foi galardoada co premio Apel•les Mestres de literatura infantil e o Premio de Cultura que outorga a Comunidade de Madrid. Entre os seus títulos más destacados atópanse La cinta roja, Invitación a un asesinato, El testigo invisible, La hija de Cayetana, La maestra de títeres e La leyenda de la Peregrina. Traducidas a trinta idiomas, todas as súas obras foron recibidas con gran éxito de crítica e público. En 2003 a revista Newsweek sinalouna como "unha das autoras máis destacadas da súa xeración".

A súa última novela Licencia para espiar explora a fascinante e descoñecida historia das mulleres que, ao longo dos tempos, se dedicaron á labor da espionaxe. A autora recolle, entre outras, historias como as da bíblica Rahab, a xograresca galega Balteira e a outras figuras como a aventureira Mata-Hari. Todas elas compoñen un libro que é unha grande novela de aventuras.

Manuel Portas

Naceu en Barcelona, criouse en Vilagarcía e desenvolve a súa carreira en Galicia. Profesor de lingua e literatura no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación e análise social teñen como eixo c ondutor a promoción do idioma e isto levouno a publicar Lingua e sociedade na Galiza (1990), unha das obras de referencia na sociolingüística galega. Deuse a coñecer como novelista no ano 2010, con Denso recendo a salgado. En 2011 publicou Un dedo manchado de tinta á que lle seguiu en 2013 Faneca Brava, finalista del Premio Xerais de Novela. Unha cervexa Chang é o seu último libro.