Carme Chaparro, Juan Tallón e María Solar pechan as Conversas ao Solpor

A Cidade do Libro tamén abrirá pola mañá este sábado, coas casetas das librarías a pleno rendemento dende as 11.30 e cun espectáculo infantil
Vilagarcía, Cidade de Libro 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A Cidade de Libro pechará a súa edición logo dunha intensa semana chea de literatura. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A fin de semana muda a axenda do Vilagarcía, Cidade de Libro, que nas súas dúas últimas xornadas incluirá actividades e espectáculos, e abrirá a zona expositiva e de venda xa pola mañá, de 11.30 a 13.30 horas. A última das Conversas ao Solpor do evento literario contará coa participación de Carme Chaparro, Juan Tallón e María Solar e estará moderada pola xornalista Susana Pedreira. A terceira edición desta celebración remata o domingo despois dunha intensa semana, e faino cunha xornada plenamente dedicada ao público familiar que leva por título Érase unha vez…

Coas librarías amosando as últimas novidades editoriais nas casetas da Praza da II República, o primeiro espectáculo do día desenvolverase a partir das 12.00 horas no Parque Miguel Hernández. Iria Piñeiro será a encargada de interpretar Queda sitio na vasoira?, un conto da editorial Patas de Peixe.

A feira volverá a abrir ás 18.00 horas, ao tempo que comezará a segunda sesión de contacontos do día. Os integrantes de Pavís Pavós relatarán Contos que meten medo... no mesmo escenario do parque no que unha hora despois celebrarase o obradoiro Seguindo a Ciencia de Sherlock Holmes. A actividade diríxese a nenos e nenas de 5 a 8 anos, que poderán realizar pesquisas, descubrir mensaxes invisibles e descifrar enigmas seguindo os métodos do famoso detective creado por Arthur Conan Doyle.

O misterio e a intriga serán os protagonistas do sábado na Cidade de Libro, xornada que leva por título Un crime na vila. Sobre o xénero literario da novela negra e sobre o que xurda, falarán no encontro entre escritores Carme Chaparro, Juan Tallón e María Solar. Será a partir das 20.30 horas e xusto despois de que todos eles pasen pola casetas de firmas.

Carme Chaparro (Barcelona, 1973)

Xornalista cunha ampla e consolidada carreira como presentadora e editora en informativos e programas de televisión, durante os últimos vinte cinco anos estivo ao fronte das principais edicións informativas do grupo Mediaset. O seu último proxecto televisivo para Tele5 é a serie documental Mujeres al poder.

No apartado literario, Carme obtivo o Premio Primavera de Novela 2017 por No soy un monstruo, primeira obra da triloxía protagonizada por Ana Arén Arén que completou con La química del odio e No decepciones a tu padre. Tamén escribiu o ensaio Calladita estás más guapa e o libro infantil ¿Conoces a mi lágrima?

Firmemente comprometida coa liberdade, a igualdade e os dereitos humanos, Chaparro milita contra calquera forma de manifestación de violencia cara as persoas máis vulnerables. En 2018 recibiu o recoñecemento á súa traxectoria por parte do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Ademais é patroa da Biblioteca Nacional de España.

Juan Tallón (Vilardevós 1975)

O galego, licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, sentiu moi cedo a vocación pola escritura. Acabados os seu estudo s universitarios, e despois dalgúns traballos precarios, escribiu Autopsia da novela, que se convertería no seu primeiro libro de ficción, publicado en galego en 2007. Do 2010 é A pregunta perfecta, unha novela que aborda a misteriosa relación que existiu entre os escritores César Aira e Roberto Bolaño, contemporáneos que estiveron a punto de atoparse persoalmente en tres ocasións. Tres anos despois publicou "Fin de poema", unha novela na que afronta o último día da vida dos poetas suicidas Cesare Pavese, Anne Sexton, Alejandra Pizarnik e Gabriel Farrater, tratando de converter o libro na caixa negra desa xornada fatídica.

Colaborador da Cadena SER, onde asina incisivos comentarios sobre a actualidade política e social cunha potente retranca ao máis puro estilo galego, no seu palmarés literario figura o Premio Lueiro Rey por Fin de poema e o Premio Pastor Díaz por A autopsia da novela.

María Solar (Santiago de Compostela, 1970)

Escritora, xornalista e presentadora, a súa ampla traxectoria laboral céntrase principalmente en televisión e radio, aínda que tamén colaborou en prensa e revistas. Na literaturas dedicouse á públicos de todas as idades. A súa obra foi amplamente premiada e traducida a varias linguas. Ten decenas de libros publicados, tanto da literatura infantil como xuvenil e adulta, así como outras obras de ensaio e divulgación. Ao longo dos anos, recibiu numerosos premios. O último, o Xerais pola súa obra A Culpa en 2022.

Un gran fin de festa e torneo de Pokémon

O Vilagarcía, Cidade de Libro clausúrase o domingo cunha xornada totalmente festiva e dedicada ao público familiar. En horario de mañá e tarde, sucederanse todo tipo de actividades, como sesións de contacontos, espectáculos teatrais e musicais e ata un torneo TCG de Pokémon organizado por Metrópolis Cómics Arousa.