Os camiños escolares seguros arrancan na Escardia e no Anexo A Lomba coa inscrición

Stop Accidentes distribuíu os dípticos cos percorridos establecidos en cada centro tras as enquisas de mobilidade realizadas o pasado curso 
Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Camiños Escolares Seguros Vaischool!. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A segunda fase do proxecto dos camiños escolares seguros de Vilagarcía, o VaiSchool!, arranca hoxe en outros dous centros escolares do municipio: na Escardia e no Anexo A Lomba. Nestes dous colexios abriuse este luns o período para que as familias se inscriban para participar na acción promovida pola Concellería de Mobilidade e que desenvolve a asociación Stop Accidentes a través do convenio de colaboración subscrito co Concello. Monitores do colectivo visitaron os dous colexios para repartir os dípticos cos percorridos dos camiños seguros de cada centro, trazados en base ás enquisas de mobilidade realizadas o curso pasado entre as respectivas comunidades educativas.

Os membros de Stop Accidentes tamén entregaron ao alumnado unha circular para as súas familias co obxecto de informarlles da posta en marcha do proxecto, do proceso de inscrición, das actividades a realizar e de cómo se porá en marcha. O procedemento a seguir na Escardia e no Anexo A Lomba é similar ao que se levou a cabo o ano pasado nos colexios do complexo educativo da Lomba (Arealonga, Lomba, Vagalume e Escola Infantil Municipal).

A asociación, que xa impartiu o curso pasado obradoiros de sensibilización entre os escolares para informarlles das normas de circulación e medidas de seguridade viaria, continuarán nos vindeiros meses con actividades nas aulas e a realización de prácticas mediante as que ensaiar os diferentes roles que as persoas poden desempeñar na mobilidade: como peón, como pasaxeiro, como ciclista, etc… Todo como preparativo para a organización dos grupos que participarán na posta en marcha definitiva dos camiños escolares seguros de cara á primavera. A partir de aí traballarase na idea de que a iniciativa funcione a modo dun banco de tempo no que as familias vaian rotando para acompañar aos nenos e nenas, de forma que tamén se facilite a conciliación laboral.

De forma paralela, nos vindeiros meses o Concello procederá á sinalización dos roteiros dos novos camiños seguros mediante o pintado no chan das características pegadas de rá e coa colocación de sinalética horizontal que identifica ao VaiSchool! 

Cinco percorridos para cada centro

Tanto o colexio da Escardia como o Anexo A Lomba contan con cinco camiños seguros para canalizar o tránsito dos escolares dende distintas zonas do municipio cara os seus centros educativos. Os roteiros sinalizados para A Escardia parten dende a avenida Rosalía de Castro (á altura da capela de San Xosé); dende Aquilino Iglesia, atravesando o barrio dos Duráns; dende o estanco de Doutor Tourón para recoller aos escolares desa zona do centro da cidade; dende a rotonda de Larsa, na avenida das Carolinas; e dende a rúa Estación.
No caso do Anexo A Lomba os percorridos trazados parten dende a urbanización Invisa, en Marxión; dende a rúa Blanco Amor, na avenida das Carolinas; dende a farmacia de Doutor Tourón; dende a Avenida da Mariña e dende a intersección de Rosalía de Castro con Moreira e Casal.

Reforzo nos centros da primeira fase

Malia que agora os traballos céntranse na posta en marcha da segunda fase dos camiños escolares seguros, Stop Accidentes continuará igualmente traballando coa comunidade educativa dos colexios que iniciaron o proxecto. De feito, xa teñen programadas sesións e talleres de reforzo nos colexios Arealonga e A Lomba para refrescar aos escolares os aspectos da mobilidade sostible e segura e os principios da seguridade viaria en valores. O obxectivo é continua r promovendo o uso dos camiños escolares seguros e incentivar a participación cos obxectivos de acadar unha cidade máis sostible e segura, onde os peóns e medios de transporte alternativos gañen terreo fronte ao coche, e de favorecer unha maior autonomía persoal entre a poboación infantil.