As travesías en galeón poderán reservarse a partires do 10 de xullo en ataquilla.com

As viaxes realizaranse os días 14 e 15 e 28 e 29, con dúas saídas ás 16 e ás 18 horas en cada unha das xornadas. A participación é de balde
Vilagarcía abre o prazo para solicitar as travesías en galeón. DP
photo_camera Vilagarcía abre o prazo para solicitar as travesías en galeón. DP

O Concello de Vilagarcía abre ás 9 da mañá do vindeiro luns, 10 de xullo, a reserva de prazas para participar nas travesías gratuítas en galeón que se desenvolverán durante os meses de verán. Aínda que haberá saídas nos meses de xullo, agosto e principios de setembro, a reserva ábrese de momento para as de xullo.

A finais de mes abrirase un novo prazo para as restantes travesías. As persoas interesadas en participar neste exitoso programa turístico e de divulgación etnográfica e medioambiental deben inscribirse a través da web www.ataquilla.com.

As rutas para as que se poderá reservar praza nesta primeira quenda son as previstas para o venres 14 e sábado 15 de xullo, e para as do 28 e 29 do mesmo mes. En cada unha das xornadas realizaranse dúas travesías, unha con saída ás 16 horas e outra ás 18. O número máximo de prazas que se poden reservar nunha mesma solicitude é de 4.

Dado que o aforo do galeón é limitado (só poden viaxar 9 pasaxeiros en cada viaxe), para facilitar a asistencia do maior número de persoas e de que non queden vacantes, unha vez cubertas as prazas en cada travesía, este ano dáse a opción de anotarse na lista de agarda, trámite que tamén se poderá realizar a través de ataquilla.com.

Co mesmo obxectivo, prégase ás persoas que obtiveran praza e que finalmente non poidan acudir á cita, que tramiten a anulación a través da propia web, de xeito que poidan entrar persoas da lista de agarda. A cancelación da reserva pode realizarse ata 48 horas antes da saída. No caso de producirse baixas, a propia web remitirá un aviso á persoa que corresponda segundo a orde na lista de agarda.

Cara finais de mes e con antelación suficiente informarase da apertura do prazo de reserva para as saídas previstas nas fins de semana de agosto e setembro. Os días concretos son o 11,12, 18 e 19 de agosto e o 1 de setembro.

O programa das travesías en galeón promovido polo Concello ofrece unha alternativa turística e de ocio que permite aos participantes gozar da experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional galega pola Ría de Arousa, así como coñecer a riqueza natural e patrimonial da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Tamén é un medio para divulgar a riqueza etnográfica dos pobos mariñeiros e das embarcacións tradicionais como as que hai décadas sucaban as augas da Ría. Nesta nova edición do programa ofértanse 162 prazas. O programa financiado polo Concello préstase a través do convenio coa asociación Rompetimóns, de Carril, propietaria do galeón "Illa de Cortegada".