Arousa Moza presenta unha xornada "diversa e tradicional" para os máis mozos

Baixo o nome de Arousa Inspira, a asociación organiza esta cita o vindeiro sábado 30 de setembro para dar a coñecer a vila á rapazada a través de obradoiros, recitais ou unha xincana
Representantes de Arousa Moza, acompañados de Cristina Pichel, presentando a programación do Arousa Inspira. DAVID FREIRE
photo_camera Representantes de Arousa Moza, acompañados de Cristina Pichel, presentando a programación do Arousa Inspira. DAVID FREIRE

A asociación xuvenil Arousa Moza presentou na mañá deste mércores a programación da xornada Arousa Inspira, que terá lugar o vindeiro sábado 30 de setembro e na que poderán participar nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, non quixo perder a presentación dunha cita enmarcada dentro do plan Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. "A asociación Arousa Moza é unha das que solicita financiamento no marco deste programa a través do cal poden recibir un máximo de 5.000 euros para desenvolver as actividades". A directora asegurou que aceptaron esta petición para financiar esta iniviativa xa que "parécennos actividades moi interesantes. Primeiro, porque están protagonizadas por mozos e dirixidas para mozos, que é un dos obxectivos fundamentais da iniciativa. E segundo, porque incardina moi ben co coñecemento do Concello".

Xunto a Pichel estiveron os representantes da organización Borja, Cris e Pablo, quenes foron os encargados de expoñer todas as actividades a celebrar durante a xornada. A temática de este ano será a da diversidade e tradición, "por un lado para mostrar que aquí en Vilagarcía somos moi diversos, e por outro para que os mozos e mozas coñezan as nosas tradicións", explicou Borja. 

Comezarán ás 10.00 horas cunha xincana infantil grazas á cal os rapaces e rapazas poderán coñecer o patrimonio histórico da vila a través de diversas actividades como xogos tradicionais, a realizar en lugares destacados do municipio coma o Parque Fleming, Parque da Xunqueira, Parque de Miguel Hernández, Castro de Alobre, Plaza de Galicia ou Playa Concha-Compostela.

Borja Santamaría explicaba que unha das actividades vai consistir en "recoller os froitos do Castro de Alobre, como facían os Celtas, para explicarlles o paso de ser nómada a sedentario e como vivían naquela época".

A festa continuará pola tarde, logo dunha comida na Plaza de Galicia, con actividades abertas xa para todo tipo de públicos dende as 17.00 ata as 23.00 horas. Nesta franxa haberá tempo para actuacións musicais, como a dun rapaz vilagarcían finalista do casting de Operación Triunfo "que nunca se animara a cantar en público", espectáculos de maxia, baile, un recital de poesía ou un concurso "como os da tele", explicaban os representantes de Arousa Moza.

Como cada ano a aceptación é máxima, pois xa recibiron máis de 115 solicitudes en dous días e agardan superar as 200 como o ano pasado. O problema é que teñen un cupo máximo de 40 persoas, polo que moita da rapazada quedará fora da xincana, pero Arousa Moza xa está a pensar en alternativas para poder repetir as actividades en futuras semanas.