1.566 subscritos e unha media de 105 prestamos/día nos tres primeiros meses do Vaibike!

A tarifa especial de lanzamento Volvemos! remata este venres polo que os usuarios deberán renovar a subscrición elixindo entre a opción diaria, semanal, mensual ou anual ▶ As 500 persoas que primeiro renoven o seu contrato a través da App recibirán de agasallo unha bolsa reflectora que poderán recoller no Concello

Servicio Vaibike! en la playa Compostela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Servizo Vaibike! na praia Compostela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O servizo Vaibike! acada os 1.566 subscritos e un total de 2.346 usuarios (persoas rexistradas pero que aínda non subscribiron contrato) cando se cumpren os primeiros tres meses de funcionamento tras a súa ampliación. Este venres, 30 de xuño, remata a oferta especial de lanzamento, a tarifa Volvemos!, que permitiu utilizar o servizo durante todo o trimestre polo prezo simbólico de 1 euro. Para poder continuar no VaiBike!, as persoas xa inscritas deberán renovar a subscrición elixindo entre as diferentes opcións que se ofrecen: contrato diario, semanal, mensual ou anual. O sistema de alertas da app xa remitiu un aviso a todas al persoas rexistradas.

Os usuarios que xa están dados de alta como usuarios deberán renovar o contrato a través da aplicación móbil, seguindo o mesmo proceso que cando se adheriron á oferta de lanzamento. Aquelas que aínda non estean rexistradas no servizo deberán descargar a app no móbil, darse de alta e, finalmente, subscribir o contrato que máis lle conveña. En función das súas necesidades, poderán contratar o servizo para todo o ano polo prezo de 36 euros, mensualmente por 20, por semana ao prezo de 12 euros ou optar pola modalidade de aluguer diario por 5 euros a xornada.

As 500 persoas que primeiro renoven ou formalicen novos contratos a partir do 1 de xullo recibirán de agasallo unha bolsa co logo do VaiBike! Para recollela deberán dirixirse ao primeiro andar do consistorio vilagarcián.

As estatísticas do primeiro trimestre de funcionamento ofrecen datos positivos en canto a uso e usuarios. Respecto ao primeiro punto, cómpre destacar os 9.496 préstamos contabilizados a día de hoxe, o que supón unha media algo superior aos 105 usos por día. En relación ás persoas inscritas, aínda que os 1.566 aboados (usuarios con contrato en vigor) xa representan unha cifra considerable, o número total de usuarios (todas as altas rexistradas a través da app móbil) ascende a 2.346. De isto dedúcese que aínda hai case 800 persoas interesadas en facer uso do servizo –de aí que xa se deran de alta- e que poderán aboarse tan pronto o precisen.

A esta previsión de crecemento súmanse os novos usuarios que se poden continuar rexistrando e abonando en calquera momento, tanto residentes como visitantes, que poden facer un uso máis puntal das bicicletas públicas para desprazarse pola cidade. De feito, espérase que o uso do VaiBike! se vexa incrementado durante os meses de verán, cando Vilagarcía recibe numerosos turistas procedentes de cidades onde os servizos de aluguer de bicicletas xa están implantados dende hai moitos anos e están máis habituados á súa utilización.