A Sala Nauta acolle a exposición ‘Son (do verbo ser)’ ata o 16 de abril

A mostra conta cunha colección de seis cadros que xiran en torno ao recordo e ao sentimento de nostalxia inspirado nas Rías Baixas
A Sala Nauta, en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A Sala Nauta, en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Sala Nauta de sanxenxo actualiza o seu calendario de mostras cunha nova exposición que achegará ao público toda unha experiencia sensorial, entre visual e auditiva. Trátase de Son (do verbo ser, a cargo das artistas Uxía Gonzalo Salgueiro e Uxía Caneda.

Dita mostra estará dispoñible para os e as visitantes entre o día 5 e o 16 de abril, e lévase a cabo baixo o amparo do Centro de Arte de Sanxenxo, que colabora activamente na organización da mesma.

A exposición conta cunha colección de seis cadros que xiran en torno ao recordo e ao sentimento de nostalxia, empregando como elementos principais a natureza e a paisaxe das Rías Baixas.

Neste sentido, pretende ser, ante todo, unha experiencia inmersiva que combina o achegamento ás obras expostas con música creada para cada un dos cadros, así como a experiencia coas texturas, olores, o viño e a realidade aumentada que impregnan todo o conxunto.

A entrada ao espazo será gratuita para o público, se ben a visita realizarase mediante pases, cunha duración de 10 minutos aproximadamente, onde a música guiará aos espectadores a través dos cadros que irán visualizando. Precisamente, o alumnado do Centro de Arte visitará a mostra o día 12 de abril para poder coñecer en profundidade a exposición, nunha visita na que contarán coa guía das propias artistas en persoa.