O Fin de Ano Adiantado de Sanxenxo busca resarcirse con enerxías renovadas

▶ Despois de que o pasado 2022 o evento tivera que cancelarse no mesmo día por alerta de temporal, a Asociación O Cubreiro xa ten todo listo para marcar o récord de "cheo na praza"
Queima de calendarios na praza de Pascual Veiga nunha edición anterior da cita. DS
photo_camera Queima de calendarios na praza de Pascual Veiga nunha edición anterior da cita. DS

Despois do exitoso Fin de Ano Adiantado de 2021, no que os veciños e veciñas de Sanxenxo puideron "queimar todo o que pasamos durante a pandemia", e pedir os seus desexos como viñan facendo nas anteriores edicións, a céntrica Praza de Pascual Veiga non puido volver acoller o evento, que a asociación organizadora, O Cubreiro, retoma este 2023 con "moita ilusión"e enerxías renovadas, pero mirando ao ceo.

E é que o pasado ano a cita tivo que suspenderse no mesmo día por mor da alerta por tormenta, que botou por terra a programación, aínda que, tal e como lembra o presidente do colectivo, Juan Pintos, "eran tantas as ganas da xente de celebrar o Fin de Ano Adiantado, que moitas persoas foron igualmente á praza pola súa conta, a pesar do tempo, aínda que nós xa suspenderamos o evento".

Nesta ocasión, explica Pintos, o Fin de Ano Adiantado, que terá lugar no mesmo emprazamento ás 12.00 horas do mediodía do 31 de decembro, "coincide en domingo" e, por iso, "se normalmente nas edicións anteriores que se celebraban entre semana xa viña moitísima xente, este ano vai haber cheo na praza", valora.

O Fin de Ano Adiantado, que xa se converteu en todo un emblema no municipio, contará, coma nas anteriores ocasións, cunha cacharela no centro da praza para levar a cabo a tradicional queima de calendarios e pedir os desexos para o novo ano que entra. Ademais, prevese tamén que haxa brindis con cava, posto que son os locais de hostelería da zona os que adoitan ceder as botellas, música e tamén se repartirá cotillón entre os asistentes, que poderán tomar as 12 uvas coas badaladas anticipadas a plena luz do sol, ou ben 12 lacasitos, aceitunas ou gominolas, segundo explicaron dende a organización que, como cada ano, deberán levar da casa.

O Cubreiro xa recibiu a luz verde do Concello de Sanxenxo para levar a cabo a celebración na praza de Pascual Veiga, que en edicións anteriores á pandemia chegou a xuntar centos de persoas.

Durante os meses de decembro e xaneiro, ademais das iniciativas particulares encabezadas polas asociacións, como é o caso do Fin de Ano Adiantado de O Cubreiro, o Bosque do Nadal de Noalla por parte de A Esmorga, ou ben a Aldea de Nadal de Vilalonga de Os Cruceiros, o Concello tamén programará diferentes eventos aínda por desvelar.