Así traballan os ‘elfos’ de Noalla

▶ O colectivo A Esmorga aumenta este ano a superficie da festa e triplica os exemplares de carballo dispoñibles para apadriñar no seu Bosque do Nadal ▶ Atópase inmerso na fabricación de varias casas de madeira máis, que nesta ocasión elaboran coas súas propias mans desde cero
 
photo_camera Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cunha labor participativa e en cadea. DS

En total son 31 e, deles, 27 adican, dende o pasado mes de outubro, o seu tempo libre e as súas enerxías a confeccionar o Bosque do Nadal que este ano encherá a carballeira de Noalla de maxia, ledicia e ilusión. Os ‘elfos’ e ‘elfas’ da Asociación Xuvenil A Esmorga son os que fan posible unha segunda edición que, grazas ás súas ganas de mellorar, instaura este ano unha cita sólida no calendario do Nadal sanxenxino, e que nesta ocasión chegará con grandes novidades.

Porque, ante todo, o que importa neste grupo tan compacto é "o compromiso", e tamén algunha que outra dote de carpintería e electricidade. Así, todos os sábados reúnense para construír as casiñas ás que, este ano, segundo apunta o vicepresidente do colectivo, Damián Garrido, ás xa existentes sumaranse outras catro de maior tamaño, e coas que os integrantes do colectivo decidiron ir un paso máis alá. "O ano pasado encargamos a unha empresa o que é a estrutura e logo nós pintámolas e adornámolas, pero este ano mercamos o material e decidimos facelas nós desde cero. O grupo que se encarga do Bosque de Nadal reparte as súas tarefas, uns cortan, outros van aparafusando, e outros encárganse de deseñar os adornos", conta o vicepresidente da asociación.

Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cunha labor participativa e en cadea. DS
Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cunha labor participativa e en cadea. DS

E, ademáis de ser máis grandes que as estreadas na pasada edición, as casas de Nadal contarán con chemineas das que sairá fume e tamén con todo tipo de decoración festiva a modo de experiencia inmersiva que agarda deslumbrar a maiores e pequenos, nunha edición que terá outras novidades coma a simulación dun río e a instalación dunha carpa no bosque, para que albergue todas as actividades. "Agora mesmo estamos a pleno rendemento. A xente está moi comprometida. Cando xuntas a 27 persoas poden ter ideas moi dispares á hora de levar a cabo un proxecto así, pero o bo é que entre todas entendéronse e puidemos coller un pouco de cada idea. Así o proxecto faise ben e sae adiante", asegura Garrido, orgulloso, quen lembra que o decorado comprende tamén certa complexidade, ao contar "cunha instalación eléctrica" e ao medrar nesta ocasión a súa magnitude. "Somos moita xente, pero tamén temos moito traballo. Hai moito cableado, traballos de pintura e demais, pero facémolo polo pobo e ese día merece a pena", afirma, destacando o apoio de "varias empresas de Noalla e de todo o municipio, e do Concello, así como a unión coa Comunidade de Montes de Noalla".

MÁIS CARBALLOS. Se algo distingue ao Bosque do Nadal de Noalla é, precisamente, que toda a veciñanza pode ser partícipe da festa dun xeito explícito, grazas á iniciativa, inaugurada xa na súa primeira edición, que premite que calquera familia poida apadriñar un carballo dos que forman o bosque. Deste xeito, a cambio dunha doazón de 10 euros destinados a fins non lucrativos, unha das árbores que forman o Bosque do Nadal poderá levar o nome dos nenos da casa, da familia, da parella, do propio doante ou de calquera ser querido ao que queira adicarlle a acción. Ademais, estarán adornados por grilandas de luces.

Tal foi o éxito da iniciativa na pasada edición, que este ano a asociación aumenta a superficie de celebración da festa e triplica o número de carballos dispoñibles para apadriñar, e que suman 40 exemplares máis, ata un volume de 60 árbores.

Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cunha labor participativa e en cadea. DS
Os membros do colectivo A Esmorga adican as xornadas dos sábados a sacar adiante a construción do decorado de Nadal, cunha labor participativa e en cadea. DS

PROGRAMACIÓN. O recinto inaugurarase o día 6 de decembro (18.30 horas) con contacontos e chocolatada de balde. O día 10 (19.00 horas) haberá unha visita do Trasno Fantástico e o 23 achegaranse ao bosque Papá Noel e o Apalpador (18.30 horas). Como novidade máis recente, o colectivo incorporou ao cartel o espectáculo Un circo de Nadal a cargo de Nelson Quinteiro para o día 16 (18.00 horas), e os eventos pecharanse o 30 de decembro coa festa pre fin de ano amenizada por Paco Vulkano (18.30 horas). Ademais, o mercado de Nadal estará aberto todos os venres, fins de semana e festivos do mes de 17.00 a 21.00 horas, e contará con sorteos para os alí presentes. Tamén estará activa unha recollida de alimentos en favor de Cáritas Noalla e de xoguetes para a campaña Cada neno, un xoguete da asociación Stop de Vigo.