A Carabuxeira acusa os efectos dos temporais ante unha Plataforma que pide a súa reparación

O Concello sostén que a solución definitiva chegará coa segunda fase da recuperación, actualmente en tramitación, e valorará o estado da praia tras o inverno
O actual estado da praia da Carabuxeira, sen area. DS
photo_camera O actual estado da praia da Carabuxeira, sen area. DS

Co seu esqueleto á vista, nunha estampa similar á que mostra tamén a praia de Silgar na zona máis achegada á Madama a causa dos efectos dos temporais, o actual estado da praia da Carabuxeira, que lembra á etapa anterior á primera fase de rexeneración, manten en vilo á Plataforma Carabuxeira Xa, que reclama para o areal a mesma reparación, "coa mesma contundencia e celeridade, do mesmo xeito que correctamente vanse reparar Silgar e Areas".

A zona na que se ubica o tubo xeotextil. DS
A zona na que se ubica o tubo xeotextil. DS

Así o pediu o colectivo, que insta a Costas, Portos de Galicia e ao Concello a tomar cartas no asunto, nunha batalla pola rexeneración do areal, así como do seu veciño Lavapanos, que comezou no ano 2000, cando "unha representación dos veciños das praias da Carabuxeira e Lavapanos remitiron máis de 500 sinaturas ás administracións para denunciar a forte degradación que sufrían ditas praias como consecuencia da construción do porto deportivo de Sanxenxo".

A emblemática praia, unha das catro urbanas do municipio de Sanxenxo, conta actualmente cun tubo xeotextil instalado para conter a perda da area, logo de varios aportes de árido consecutivos, polo que o Goberno local sostén que a solución definitva para paliar a deriva da area causada polo arrastre das mareas tras a construción do espigón do porto chegará coa segunda fase do proxecto de rexeneración, que actualmente atópase en tramitación, e que suporá a instalación dun dique de formigón que, previsiblemente, solucionará a problemática. 

Ademais, dende o Concello manifestaron que haberá que agardar á primavera para valorar o estado final do areal tras os efectos do inverno, e sopesar entón unha posible acción a curto prazo.

A Plataforma, pola súa parte, pediu un novo aporte de area urxente, o acondicionamento dos valados da praia e a canalización dos vertidos en superficie.