Amigos da Dorna finaliza a restauración integral da súa embarcación insignia

A acción realizouse a través dunha nova subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, mediante o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico
A embarcación durante o traballo nos talleres. DS
photo_camera A embarcación durante o traballo nos talleres. DS

A través dunha nova subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, mediante o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, a Asociación Amigos da Dorna acaba de finalizar a restauración da súa dorna insignia, a Jatiña, unha embarcación cuxa construción supuxo a fundación da propia asociación. 

Os traballos foron realizados nos Estaleiros Garrido, no Grove, e consistiron na restauración do casco e a cuberta da embarcación, na fabricación de varias pezas necesarias para a navegación a vela e no tratamento final para a conservación da madeira. Ademais, a axuda da Deputación, de 11.594,91 euros (o 80% do investimento), tamén serviu para sufragar a adquisición de varios elementos de seguridade na navegación, como un pequeno motor foraborda, un GPS e unha radio de comunicacións. Deste xeito, os Amigos da Dorna agardan "garantir o futuro da ‘Jatiña’ durante outros 25 anos e potenciar o seu uso e desfrute por parte da sociedade, á cal animan a achegarse ao colectivo para recibir a oportunidade".

A asociación, que cumpre 25 anos de actividade na vila, non se desvía dos seus obxectivos. "Para os vindeiros 25 anos só pedimos seguir en activo", sinalaron en entrevista con este xornal, "pero para os próximos cinco gustaríanos ter un lugar de amarre definitivo e tamén, máis alá do local da asociación que temos, poder conseguir un local novo no que poidamos traballar a modo de taller, con espacio suficiente para a restauración das embarcacións, que agora imos facendo como podemos", aseguran. A curto prazo, o obxectivo para este mesmo ano 2023 pasa por "ampliar a base social. Gustaríanos que a nosa actividade se abra máis aos nosos veciños e veciñas de Portonovo. Temos medrado moito e expandímonos cara moitas zonas e tamén nos gustaría chegar máis á xente de Portonovo, e ter máis forza aquí".