Vodas de prata con vento franco

Aniversario de amigos da dorna ▶ Cando en 1995 un grupo de aficionados desempoou algunhas dornas e se botou a navegar pola costa de Portonovo, non imaxinaba que esa aventura chegaría a ser unha asociación con 80 membros e grandes obxectivos no horizonte
 
Rebotadura da Jatiña na Festa da Raia 2019. ARQUIVO
photo_camera Rebotadura da Jatiña na Festa da Raia 2019. ARQUIVO

No ano 1995 os habitantes de Portonovo comezaban a ver como, de cando en vez, unhas embarcacións moi peculiares surcaban as súas costas. Algunhas dornas que sobreviviran ao paso dos anos no municipio volvían tocar mar, e os responsables de tal aventura eran tan só un grupo de aficionados que, co obxectivo de darlle unha segunda vida a aquelas embarcacións tradicionais en desuso, pensou: "e por que non?". Grazas aos contactos que algún deles tiña en Ribeira, as dornas de Portonovo e as do municipio coruñés comezaron a irmandarse. "Foi a xente de Ribeira a que animou á de Portonovo a formar a asociación aquí na vila", asegura o vicepresidente da que hoxe é a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, Alejandro Piñeiro.

Foi en 1997 cando, grazas ao consello ribeirense, Portonovo decidiu dar o paso. Fundábase a asociación portonovesa e, co gallo de tal acontecemento, as dornas de Ribeira trasladáronse por un día ás costas de Portonovo, para ofrecer apoio e crear ambiente festivo nunha xornada de celebración que marcaba o inicio da recuperación histórica no eido marítimo na vila mariñeira. "Ese ano asinaron a acta fundacional 10 membros, e como primeiro obxectivo propuxéronse conseguir un barco que fora da asociación, porque os que tiñan eran particulares", explica Piñeiro. Grazas a unha subvención da Consellería do Mar naceu a dorna A Jatiña, que honra aos habitantes de Portonovo. E dende entón o colectivo comezou a medrar de xeito imparable. "Dos 10 membros iniciais pasaron a 50 persoas no primeiro ano da asociación, houbo un ‘boom’ moi grande, e tamén comezaron a aumentar o número de barcos", engade.

Primeira asemblea da asociación en Portonovo (1998). ARQUIVO
Primeira asemblea da asociación en Portonovo (1998). ARQUIVO

O segundo barco chegou en 2003. Tratábase de Platuxa, unha embarcación de pesca grande que estaba a punto de ser despezada (hoxe xa desaparecida), e en 2004, grazas a un sorteo celebrado en Cambados, a asociación puido facerse con Bicoca, bautizada en lembranza á enorme sorte que tivo a asociación portonovesa. E chegaron as actividades e as viaxes. "Os membros orixinais centráronse moito en facer exposicións de pintura, xa que moitos deles pintaban, e tamén en facer expedicións", conta o vicepresidente. En 1999 a dorna A Jatiña chegaría por primeira vez a Brest (Francia)  e nos anos seguintes viaxaría a ese porto aínda dúas veces máis. Tamén se celebraron saídas a Euskadi, Cataluña, Portugal e a outras localizacións de Francia, e a asociación comezaría a formar parte da federación galega Culturmar.

25 anos despois da fundación do colectivo, recén cumpridos o pasado 8 de decembro, para Amigos da Dorna un dos principais logros ao longo de todo este tempo é "a propia supervivencia da entidade. Cumprir 25 anos non é doado e poder manter sempre un número de socios en torno aos 80, como temos agora, tamén é un logro", sinala Piñeiro. "Pasamos de ter cero barcos a recuperar cinco. Unha cuestión importante para os membros orixinais tamén foi conseguir un local". Precisamente, este espazo inaugurouse recén comezada a década do 2010 a carón das paradas de taxi de Portonovo.

Construcción da dorna A Jatiña (1998). ARQUIVO
Construcción da dorna A Jatiña (1998). ARQUIVO

As cotas aportadas polos socios e as actividades da asociación para recaudar fondos, coma os paseos polo río Lérez en colaboración co Concello de Pontevedra, así como algunha axuda institucional para a recuperación de embarcacións coma a última da Deputación de Pontevedra, posibilitaron o mantemento dunha entidade que xa é histórica.

OBXECTIVOS CLAROS. No seu 25 aniversario, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo non se desvía dos seus obxectivos futuros nin un ápice, senón que navega con vento franco, imparable, cara eles. "Para os vindeiros 25 anos só pedimos seguir en activo", sinala o vicepresidente, "pero para os próximos cinco gustaríanos ter un lugar de amarre definitivo e tamén, máis alá do local da asociación que temos, poder conseguir un local novo no que poidamos traballar a modo de taller, con espacio suficiente para a restauración das embarcacións, que agora imos facendo como podemos", asegura. Neste sentido, a asociación propón o entorno do campo de fútbol de Baltar e busca vías de financiamento a través do Concello ou de xeito externo.

Cea de celebración do 25 aniversario da asociación. DS
Cea de celebración do 25 aniversario da asociación. DS

Pero, a curto prazo, o obxectivo para este mesmo ano 2023 pasa por "ampliar a base social. Gustaríanos que a nosa actividade se abra máis aos nosos veciños e veciñas de Portonovo. Temos medrado moito e expandímonos cara moitas zonas. Por exemplo, temos moita xente na asociación que é de Pontevedra. Pero, sen perder ese crecemento cara os concellos veciños, gustaríanos chegar máis á xente de Portonovo, e ter máis forza aquí", explica o vicepresidente, nun momento no que a entidade goza dunha grande estabilidade e dunha fortaleza que agarda producir grandes froitos.