Ribadumia acomete melloras na Casa de Cultura e na Biblioteca

Este proxecto comprende catro actuacións: o acondicionamento da planta soto para arquivo e depósito de libros da biblioteca, a subministración de equipos informáticos, a de medios audiovisuais e a de andeis para o arquivo de libros
Biblioteca de Ribadumia. DS
photo_camera Biblioteca de Ribadumia. DS

Ribadumia impulsa as actuacións de mellora das instalacións e edificios municipais. Na actualidade o Concello está a rematar os traballos de mellora da Casa de Cultura e a Biblioteca Municipal, onde se está a acondicionar a planta soto para arquivo e depósito de libros da biblioteca.

Tal e como indican desde o organismo local, ambos espazos realizan un importante labor no día a día do municipio, xa que se trata dunha instalación en que se levan a cabo actividades culturais e formativas, contando aulas de formación, espazos de reunión e un pequeno salón de actos que son utilizados durante todo o ano para a realización de cursos e xuntanzas para a veciñanza. Esta instalación tamén veu servindo de espazo de almacenaxe informal.  


Este proxecto comprende catro actuacións, entre as que se atopan ademais a subministración de equipos informáticos, a subministración de medios audiovisuais e a de andeis para o arquivo de libros.

Por outra banda estanse a realizar unha serie de actuacións de mellora e reparacións puntuais na envolvente do edificio. Debido a unha insuficiente impermeabilización do encontro entre as carpinterías e a cuberta, reparáronse e saneáronse eses puntos para garantir a impermeabilización e selado. Ademais, tamén se acondicionou a planta soto para arquivo e depósito de libros da biblioteca.