Os Reis Magos e Papá Noel compartirán cabalgata en Ribadumia

Ademais das Súas Maxestades de Oriente, a Cabalgata de Reis prevista para o vindeiro 5 de xaneiro contará coa presenza de personaxes de Marvel e con Papá Noel, que non puido percorrer o municipio nas datas anteriores debido á meteoroloxía adversa
Cabalgata de Reis. ARQUIVO
photo_camera Cabalgata de Reis. ARQUIVO

O Concello de Ribadumia vén de anunciar os detalles da Cabalgata de Reis que se celebrará o vindeiro día 5 de xaneiro no municipio e que este ano inclúe toda unha singularidade: a presenza de Papá Noel, que irá nunha das carrozas da comitiva, xa que non puido visitar a pé os establecementos de Barrantes, nin tampouco percorrer os establecementos de Ribadumia na súa carruaxe debido ás malas condicións climatolóxicas.

A Cabalgata, ademais, contará coa presenza de diferentes personaxes de Marvel, con Iron Man e Capitán América, e partirá dende as 18.30 horas dende Os Castaños, con panxoliñas interpretadas pola Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia ata a Praza do Concello, onde se realizará a súa recepción oficial. Ademais, desde primeira hora da tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán todas as parroquias de Ribadumia para que tanto  nenos e nenas como maiores gocen da súa visita.

Unha vez rematada a Cabalgata, e durante a recepción oficial, ademais das larpeiradas que entreguen os Reis Magos aos nenos e nenas, todos os alí presentes estarán convidados a algodón de azucre e flocos de millo.