Reincidencia no roubo de contedores nas illas ecolóxicas de Ribadumia

Esta vez o delito cometeuse nas parroquias de Sisán e Barrantes ▶O Concello de Ribadumia pide colaboración e responsabilidade por parte da veciñanza

Contedores sustraídos en Fonte do Corvo. CONCELLO DE RIBADUMIA
photo_camera Contedores sustraídos en Fonte do Corvo. CONCELLO DE RIBADUMIA

O Concello de Ribadumia instalou durante este mes de agosto illas ecolóxicas en todas as parroquias do municipio. Porén, estas illas están a sufrir diferentes actos vandálicos, os primeiros foron na Fonte do Corvo, en Leiro. 

Así, estes actos repetíronse nos últimos días, xa que houbo testemuños de máis roubos de contedores que formaban partes destas estruturas deseñadas para fomentar a separación de residuos e a reciclaxe en Ribadumia.  Desta volta víronse afectadas as parroquias de Barrantes e Sisán.

Dende o Concello declaran que este roubo "considérase unha falta aos valores da promoción de prácticas sostibles e de concienciación cidadá, así como ao benestar e o desenvolvemento sostible de Ribadumia". Por iso, fan un chamamento á colaboración e responsabilidade de toda a veciñanza para que, "xuntos poidamos protexer os nosos recursos e promover un futuro máis limpo e saudable para todos".
 
O Concello de Ribadumia reafirma o seu compromiso coa sostenibilidade e a protección do medioambiente.