A Deputación avanza na instalación de cunetas de seguridade en todo o Salnés

Os concellos de Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa veranse beneficiados por estas axudas que terán un investimento de 1,9 millóns de euros na provincia
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou a medida este venres. DS
photo_camera O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou a medida este venres. DS

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar nas obras de instalación de cunetas de seguridade na rede provincial de estradas. Como informou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a Xunta de Goberno acordou este venres a ampliación do prazo de execución destes traballos, nos que se invisten 1,9 millóns de euros en 2023. As obras derívanse, como destacou Domínguez, do acordo marco que aprobou a Deputación “para dotar as vías provinciais destes elementos de seguridade naqueles puntos nos que, polas súas circunstancias ou características, resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas”. O resultado “ofrece igualmente aos peóns unha seguridade e un itinerario cómodo”, engadiu.

A través deste acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur), e este ano estase a actuar nun total de 77 estradas en 54 concellos. O prazo para rematar as obras finalizaba en setembro e tralo acordo da Xunta de Goberno amplíase tres meses máis.

No que se refire á zona centro da comarca, o investimento neste 2023 é de 740.000 € e estanse a instalar cunetas en 38 estradas que transcorren, no Salnés, por por Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Barro, Portas, Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis completan o listado.