'Papagena', a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a O Grove este sábado

Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara, o barítono cambadés Jacobo Rubianes Castelo e o músico Iago Hermo, tamén compositor da ópera e do libreto
Representación de Papagena. PAPAGENA
photo_camera Representación de Papagena. PAPAGENA

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 24 de setembro, ás 21.00 h, no Auditorio do Grove. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes Castelo que actúan acompañados no escenario pola música en directo de Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

O espectáculo é gratuíto pero cómpre retirar o convite ou ben na Biblioteca Municipal do Grove ou ben na Oficina de Turismo. No caso de non esgotarse os convites, o día da función poderase acceder libremente ao Auditorio ata completar o aforo. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.