A Xunta inviste máis de 12.600 euros para dinamizar a lectura nas bibliotecas do Salnés

O delegado territorial visitou a Biblioteca do Grove e destacou o “imprescindible traballo das bibliotecarias” nun emprazamento no que, dende o ano 2019, a Xunta investiu máis de 100.000 euros 
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra visitou este mércores a biblioteca de O Grove. DS
photo_camera O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra visitou este mércores a biblioteca de O Grove. DS

A Xunta axuda con máis de 12.600 euros ás bibliotecas e axencias de lectura de titularidade municipal da comarca do Salnés para a promoción de actividades de dinamización da lectura. Esta iniciativa beneficia a preto de 60 bibliotecas de titularidade municipal de 35 concellos da provincia de Pontevedra, das cales 15 están xestionadas por concellos da comarca do Salnés.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou durante a mañá deste mércores a Biblioteca Municipal do Grove, onde destacou o “imprescindible traballo que levan a cabo as bibliotecarias e que a través de todo tipo de actividades fomentan o hábito da lectura en pequenos e maiores”. 

Cabe destacar que a Xunta investiu, nos últimos cinco anos, máis de 100.000 euros nas bibliotecas escolares e municipais do Grove. Neste sentido, Reguera explicou que o apoio á cultura “nunca é suficiente” pero asegurou que “a administración seguirá esforzándose por colaborar coas bibliotecas de toda Galicia”  xa que son “un lugar onde a cultura se democratiza e onde todas as persoas teñen cabida, independentemente das súas inquedanzas e necesidades”.