Pablo Leiva pon o foco na atención municipal a San Vicente coa ampliación da casa da cultura e o transporte

Os populares sosteñen que a liña circular de transporte é incompatible con actividades de tarde na vila meca ou para os alumnos de Bacharelato do IES Monte da Vila, polo que cren que é preciso ampliar este servizo, para o que propoñen unha liña interurbana de microbús
Presentación da candidatura de Pablo Leiva. ARQUIVO
photo_camera Presentación da candidatura de Pablo Leiva. ARQUIVO

O candidato do Partido Popular do Grove, Pablo Leiva, comezou a debullar o programa electoral co que concorrerán ás eleccións municipais do 28 de maio logo de "recibir queixas veciñais" contra o Goberno local e anunciou a súa intención de reactivar a atención municipal e un plan transversal de melloras para a parroquia costeira de San Vicente coa ampliación da Casa da Cultura, a implantación dun servizo axeitado e eficiente de transporte interurbano e un plan de investimentos e mantemento de instalacións e servizos.

Os populares indicaron que, na actualidade, a liña circular que opera en San Vicente só ten un horario de conexión coa vila, “o que fai que sexa absolutamente incompatible con calquera actividade de tarde ou para os alumnos de Bacharelato do IES Monte da Vila”. Para paliar esa situación, propoñen a posta en marcha dun transporte interurbano, que podería desenvolverse axilmente a través dun microbús, no que se amplíen as frecuencias, a calidade e a funcionalidade. Ademais, entre as propostas da formación que encabeza Pablo Leiva para San Vicente tamén figura unha mellora integral de todos os locais sociais. 

Nesta liña, apostan por unha “actuación potente” na Casa da Cultura que corrixa as actuais filtracións de auga e que se centre na súa ampliación, “xa que ten un enorme potencial para acoller moitas actividades veciñais, sociais, culturais e musicais” que beneficien á veciñanza. Nesta liña, tamén cre que hai acometer unha limpeza periódica e constante do local social de Baladas, a reapertura do centro de Reboredo e a reactivación da axencia de lectura, que só funciona tres días á semana e que apenas ten dous ordenadores cando chegou a ter oito.

Leiva tamén fixo referenza ás infraestruturas explicando que as súas intencións pasan polo asfaltado das bastantes pistas municipais de San Vicente que están en mal estado, a finalización do paseo entre O Cunchido e O Castriño, o remate da estrada da igrexa e a modernización das súas “intransitables” beirarrúas, a dotación dun itinerario seguro entre a capela e San Vicente e o pintado dos pasos de peóns.