A Xunta mellorará 37 paradas de autobús nas estradas autonómicas do Salnés

As intervencións realizaranse en 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño
Visita de Luis López a las paradas de autobús de la recta de la Goulla en Meis
photo_camera Visita fai uns meses de Luis López a unha das paradas de autobús de Meis. DS

O Consello da Xunta aprobou este mércores o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 37 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas do Salnés, que suporán un investimento  autonómico de máis de 1 millón de euros.

O Goberno galego tamén deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para os citados proxectos. Coa aprobación definitiva do proxecto desta actuación autorízase, tamén, a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 20 predios necesarios para levar a cabo a intervención.

A Xunta prevé licitar as obras a finais de marzo e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre, para comezar os traballos no outono.

As intervencións realizaranse en 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño.

As obras consistirán na dotación dun equipamento de marquesiña con postes, bancos e apoio isquiático; na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille; e no incremento da seguridade coa eliminación da vexetación, mellora da visibilidade e da iluminación.

Ademais, os carrís dos apartadoiros configuraranse cunha anchura mínima de tres metros, sendo só inferior nos puntos nos que implique unha importante afección de parcelas ou edificacións. Os bordos dos itinerarios peonís, que terán unha anchura mínima de 1,8 metros, retranquearanse polo menos 35 centímetros respecto ás marcas viarias e, no caso de catro paradas, executaranse os muros de contención necesarios, de altura variable, entre 50 centímetros e 2 metros.