O Goberno inviste dous millóns de euros no proxecto ‘A Gastromeca’

O plan presentado este xoves no Grove permitirá mellorar o Museo da Salgadura e impulsará a Festa do Marisco
Rosana Morillo e José Miñones junto a José Cacabelos en O Grove. CEDIDA
photo_camera Maica Larriba, José Antonio Cacabelos, Rosana Morillo e José Miñones no Grove . CEDIDA

O Goberno de España reafirma a aposta pola cohesión territorial e o impulso á modernización do turismo de Galicia coa achega de 2 millóns de euros do Plan de Recuperación do Goberno para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) A Gastromeca. A nova chegou ao Grove da man da secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante a súa visita á localidade da Ría de Arousa.

No encontro co alcalde, José Antonio Cacabelos, coa presenza tamén da subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, puxeron en valor o compromiso do Goberno, a través do Ministerio de Economía e de Industria, Comercio e Turismo, co Grove e coa modernización do sector turístico, un dos motores da economía deste municipio. O Plan está promovido polo Concello e ten un orzamento de 2.000.000 de euros que achega a Administración estatal.

A través deste proxecto actuarase no Museo da Salgadura e impulsarase a Festa do Marisco, declarada de interese turístico nacional, mellorando a súa promoción. Tamén contempla actuacións dirixidas á restauración e protección da contorna natural, incluíndo praias, carreiros e áreas de descanso. “O Plan de Recuperación do Goberno segue chegando con forza tamén á Ría de Arousa e convértese nunha oportunidade única para transformar o turismo galego e desta área estratéxica para o sector, proxectándoo cara o futuro, cun modelo verde, sostible, dixital e competitivo”, destacaron os representantes estatales.

A Gastromeca é un dos 16 proxectos aprobados para Galicia na Convocatoria extraordinaria 2022 de Plans de Sustentabilidade, que inclúe 13 proxectos turísticos e tres actuacións de cohesión territorial. En total beneficiaranse preto de 100 concellos galegos. A provincia de Pontevedra recibirá un investimento de máis de 8 millóns de euros desta convocatoria para 5 plans.

Nova convocatoria
Así mesmo, o Ministerio ten xa aberta a convocatoria extraordinaria de 2023, na que o delegado animou a todas as entidades locais a participar para seguir avanzando na modernización do sector turístico de Galicia. Rosana Morillo e José Miñones felicitaron o alcalde polos fondos obtidos e animárono a concorrer tamén á nova convocatoria de Plans de Sostibilidade Turística, que está aberta ata o 6 de marzo, na que as entidades locais galegas pode optar a un financiamento de 21 millóns de euros.