EU demanda a conversión da antiga Escola Infantil do Monte da Vila nunha Casa da Mocidade

Tras o anuncio do traslado do servizo de Vellos Tempos ás Monxas, piden converter o edificio nunha espazo destinado ao ocio, formación e creatividade da xente nova
Casa da Mocidade de O Grove. DS
photo_camera Casa da Mocidade de O Grove. DS

O grupo municipal de Esquerda Unida do Grove demanda ao goberno municipal un cambio significativo nos plans para a antiga Escola Infantil do Monte da Vila, logo de que este edificio deixe de acoller o servizo de Vellos Tempos. Tras o anuncio no último pleno do alcalde, José Antonio Cacabelos, de que o servizo será trasladado ao “edificio das Monxas” no mes de abril, Esquerda Unida ve unha oportunidade de ouro para converter o edificio vacante nunha Casa da Mocidade.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “é preciso crear un espazo destinado ao ocio da xente nova, á súa formación e creatividade, así como á realización de actividades de índole socio-cultural ou formativo, que repercutan positivamente na integración social da mocidade”. Propoñen así, que a Casa da Mocidade poida integrar a oficina de Información Xuvenil, a través da cal, ademais de ofrecer toda a información e asesoramento, se encargaría da dinamización do espazo.

Dende Esquerda Unida cren que o edificio debería adaptarse minimamente para crear un espazo multifuncional coa posibilidade de crear sala de actividades e xogo, espazo dedicado á informática, sala multimedia, espazo de audiovisuais, sala de consulta, sala de obradoiro… “De todos modos, entendemos que  debe adaptarse sempre buscando o consenso e as necesidades da propia mocidade”, afirma Otero.

Así, co anuncio de que en breve as persoas participantes do servizo Vellos Tempos se desprazarán ao edificio das Monxas, onde convivirán co Punto de Atención á Infancia (PAI) e o servizo de persoas con Alzheimer, Esquerda Unida considera que o edificio da antiga Escola Infantil quedará baleiro e sen practicamente uso. É por iso que o grupo municipal recupera esta vella demanda que consideran que é máis que necesaria no Grove pois, segundo Otero, “a mocidade local urxe dun lugar onde poder reunirse, realizar actividades, cursos, que conte con información, asesoramento e cos servizos acordes ás súas necesidades”.

Por último, Otero advirte que “esta non é unha simple petición, senón unha esixencia do noso grupo municipal”, a cal ten que ser unha realidade, “pois realizala ou non condicionará futuras negociacións co Goberno local”, especialmente nas que precise o voto de Esquerda Unida para sacar adiante cuestións de crucial importancia no Concello, como orzamentos ou proxectos.