En marcha a "demandada" senda peonil que unirá Campos e Reboredo

José Cacabelos: “Esta era unha das nosas prioridades deste mandato, unha demanda histórica da veciñanza” que completa “outras moitas actuacións impulsadas con recursos da Deputación en San Vicente”
Visita á senda peonil de O Grove. DP
photo_camera Visita de Carmela Silva e José Cacabelos á senda peonil. DP

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde do Grove, José Cacabelos, visitaron o inicio das obras que permitirán seguir mellorando a seguridade viaria nas infraestruturas provinciais que transcorren pola parroquia de San Vicente. Nesta ocasión trátase da actuación na EP-9101 que facilitará o tránsito peonil entre os núcleos de Campos e A Gandariña, en Reboredo, grazas á construción dunha senda de 1,5 quilómetros. A actuación, no marco do modelo de mobilidade amable, segura e sostible da Deputación, ten un prazo de execución de 4 meses e un orzamento de 552.000 euros. Está sufragada ao 100% pola Deputación, xa que o Concello do Grove emprega recursos do Plan Concellos 2022-23 para facer fronte ao 20% que lle corresponde.

A presidenta da Deputación lembrou que a actuación “responde a unha demanda da cidadanía do século XXI, que quere moverse e camiñar con seguridade viaria e recuperando o espazo público no marco dun modelo de mobilidade amable, accesible e segura”. Carmela Silva puxo o foco en que grazas a esta senda peonil de 1,5 quilómetros “a xente do Grove poderá moverse con seguridade, gozar e camiñar” e remarcou que se trata dun proxecto “pensado para a xente de aquí, xa que era unha gran demanda veciñal”, pero que tamén ten en conta “ás miles de persoas turistas que pasarán por ela, xa que se trata dun lugar cun grande atractivo”. A presidenta  avanzou que as obras estarán listas arredor do mes de xuño, antes da temporada alta turística.

O alcalde do Grove, José Cacabelos, lembrou que o Concello “levaba moitos anos demandando a conexión peonil de Campos a Reboredo pasando por Estonllo” e cualificou estas obras como “unha prioridade deste mandato”. O rexedor remarcou que “a xente tiña que camiñar por esta estrada sen ningún tipo de protección nin seguridade, e agora teraa” para poder transitar desde o centro urbano do Grove ata puntos de grande interese como o Museo das Salgadeiras de Moreiras, o Acuario do Grove e as praias. Tamén asegurou que as obras se integran “noutras moitas actuacións impulsadas con recursos da Deputación en San Vicente”, como a mellora da mobilidade desde o centro da parroquia ata a igrexa ou a rotonda na estrada de Balea. “Este era practicamente o único tramo que quedaba sen adaptar: por iso, e porque se trata dun dos puntos rurais que concentran máis poboación de todo o concello, esta obra ten tanta importancia”, sinalou o rexedor meco.

Un proxecto de conexión co centro urbano moi demandado pola cidadanía

A nova senda peonil na EP-9101, que conecta coas anteriores proxectadas pola Deputación en San Vicente, terá 2,50 metros de ancho mínimo para garantir a accesibilidade e dar un servizo axeitado ás persoas que camiñan. Trátase dunha zona con moito tránsito e presión urbana, polo que era necesario dotala de maior seguridade ao ser considerado un tramo viario fundamental para a vila.

A zona carecía de beirarrúas e, tralas actuacións, contará cunha senda con superficie de formigón coloreado. Colocarase un bordo de separación entre a beiravía e a nova senda, reforzando así a aposta do modelo provincial por dar prioridade ao tránsito peonil sobre a circulación rodada. Trátase dunha actuación complexa, xa que o trazado e o ancho dispoñible obrigan nalgúns puntos a desprazar o eixe da estrada. Ademais da senda, as actuacións comprenden a construción dun muro de 100 metros de lonxitude para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel, que tamén estará dotada dunha varanda de aceiro galvanizado. Instalaranse tres pasos peonís sobreelevados, renovarase completamente a sinalización horizontal e vertical para remarcar a preferencia peonil e tamén se renovará a drenaxe de augas pluviais e sumidoiros. Ademais, farase unha preinstalación da rede de alumeado para facilitar unha futura renovación das luminarias.